Alberto Garzón abandona o liderado de IU e a primeira liña: "Nestes anos vin o mellor e o peor da política"

A marcha de Garzón, após doce anos como deputado no Congreso, case catro como ministro e sete como coordinador federal de Izquierda Unida, consumarase cando Pedro Sánchez presente o seu novo equipo de goberno.
O aínda ministro de Consumo e líder de Izquierda Unida, Alberto Garzón. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera O aínda ministro de Consumo e líder de Izquierda Unida, Alberto Garzón. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O pasado 2 de xuño o ministro Alberto Garzón avanzaba que non concorrería como candidato ás eleccións estatais do pasado 23 de xullo —após doce anos como deputado no Congreso— e pedía o voto para Yolanda Díaz, entendendo que a nova etapa na esquerda española impulsada por Sumar precisaba de "novos perfís". "Como republicano, sempre crin na renovación dos representantes públicos; é san para os proxectos políticos e tamén para a democracia", argumentaba.

Desde entón man tivo a súa responsabilidade como coordinador federal de Izquierda Unida, un cargo revalidado en 2021 e ao que agora renuncia tamén. A través dunha carta dirixida á militancia, anuncia que abandonará por completo a primeira liña política unha vez sexa cesado oficialmente como ministro de Consumo cando Pedro Sánchez conforme o seu novo equipo de goberno.

"Non só pasarei o facho dentro do Consello de Ministros, senón que tamén cesarei a miña responsabilidade como coordinador de IU. Trátase dunha decisión moi meditada e que formaba parte da folla de roteiro que persoalmente asumín hai tempo. Esperei a este momento para sincronizar a miña decisión final co cambio de fase política", dixo.

A militancia é moi sacrificada, e a primeira liña da política non é senón a súa versión exponencial

O dirixente de IU agradeceu tamén o traballo dunha formación "consolidada" e que se presenta como "capital político imprescindíbel para o futuro do país". Con el a fronte primouse "o diálogo e a paz interna", afirmou, logo de vivir ao longo da súa historia "demasiadas disputas fratricidas". Porén, o seu paso pola primeira liña política "non estivo exenta de custos" e influíu tamén "de maneira determinante" na súa decisión.

"A militancia é moi sacrificada, e a primeira liña da política non é senón a súa versión exponencial. Durante todos estes anos vin o mellor e o peor da política, e ambas as cousas atravesáronme implacabelmente. Empreguei demasiado tempo en tratar con xentes que non coidan os seus semellantes e para os cales a política é só unha forma de esmagar o que pensa diferente", recoñeceu Garzón na súa misiva.

Comentarios