Alberto Garzón ficha pola consultora de asuntos públicos Acento, que dirixe José Blanco

O ex ministro e antigo coordinador federal de IU abandonou a primeira liña política o pasado ano.
O ministro de Consumo e líder de IU, Alberto Garzón, nun recente acto de campaña de Unidas Podemos. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)
photo_camera O ministro de Consumo e líder de IU, Alberto Garzón, nun acto de campaña da extinta coalición Unidas Podemos. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)

O ex ministro de Consumo e ex coordinador federal de Izquierda Unida, Alberto Garzón, incorporarase a Acento, a consultora sobre asuntos públicos fundada e dirixida polo exdirigente socialista José Blanco. Segundo adiantou El Confidencial e confirmaron posteriormente fontes da contorna do ex ministro citadas pola axencia Europa Press, Garzón asumirá a Dirección de Prospectiva Xeopolítica de Acento unha vez que a Oficina de Conflitos de Intereses autorice o movemento, dado que é preceptivo o seu ditame para novas actividades de ex altos cargos do Goberno.

O antigo líder de IU compatibilizará o seu labor na consultora cos seus outros proxectos de carácter académico, así como colaboracións con medios de comunicación. Garzón decidiu abandonar a primeira liña política, primeiro ao renunciar a ir nas listas de Sumar ao Congreso nas pasadas eleccións estatais, tras permanecer durante 12 anos como deputado no Congreso e apelando á necesidade de renovar os cargos públicos e políticos.

Logo concluíu o seu mandato no anterior Executivo de coalición tras eses comicios e en decembro do ano pasado formalizou a súa dimisión á fronte de IU, onde ostentaba a coordinación federal desde 2016. Nunha carta á militancia desta formación, explicou que a súa renuncia era unha decisión "moi meditada" e que formaba parte da folla de roteiro que persoalmente asumira un tempo atrás. Tamén dixo que a política entraba nunha nova fase tras as estatais e que deba "un paso ao carón", onde agora tocaba facer política desde a "trincheira" que supón ser un militante de base.

Na súa misiva ás bases de IU afirmou que foi unha "honra" dirixir a organización na que milita desde os 18 anos, e defendeu que a súa xestión permitiu que saíse dun momento complicado, estando agora asentada como forza integrante do Goberno.

Durante a súa despedida ante a Coordinadora Federal de IU, o seu máximo órgano executivo, reivindicou que a organización era indispensábel para calquera proxecto de unidade na esquerda, en alusión á fronte ampla creada ao redor de Sumar. Por outra parte, Garzón manifestou tamén que a primeira liña política era moi sacrificada e non estaba exenta de "custos". "Durante todos estes anos vin o mellor e o peor da política, e ambas as cousas atravesáronme implacabelmente", expuxo á súa militancia.

José Blanco e Alfonso Alonso, cabezas visíbeis de Acento

A consultora Acento ten como CEO e socio fundador José Blanco, ex ministro e exsecretario de Organización do PSOE durante a etapa de José Luis Rodríguez Zapatero á fronte da formación socialista e natural de Palas de Rei (A Ulloa).

No seu organigrama tamén figura como presidente o ex dirixente do Partido Popular Alfonso Alonso, e a firma defínese como consultora especializada no ámbito público.

Comentarios