Cara ao 23-X

Alberto Garzón abandona a primeira liña política e pide o voto para Yolanda Díaz

O ministro de Consumo seguirá á fronte de Izquierda Unida e apoiará a plataforma Sumar, mais non se presentará como candidato nas eleccións do 23 de xullo.
O ministro de Consumo e líder de IU, Alberto Garzón, nun recente acto de campaña de Unidas Podemos. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)
photo_camera O ministro de Consumo e líder de IU, Alberto Garzón, nun recente acto de campaña de Unidas Podemos. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)

O ministro de Consumo e líder de Izquierda Unida, Alberto Garzón, vén de anunciar na mañá desta sexta feira que non se presentará como candidato ás eleccións estatais do próximo 23 de xullo. Abandonará así a primeira liña política logo de tres anos no Executivo de Pedro Sánchez e de máis dunha década como deputado no Congreso, mais continuará traballando en Sumar, o partido impulsado por Yolanda Díaz, co obxectivo de "facela presidenta" do Estado español.

A través dun comunicado, Garzón trasladou a súa decisión, "moi meditada", de deixar a primeira liña da política, malia que seguirá como coordinador federal de IU —cargo que revalidou en 2021— e rematará o ciclo como ministro, puntualizou. E seguirá "traballando en Sumar para facer a Yolanda Díaz presidenta do país", subliñou, dando as grazas ás persoas que o acompañaron durante os seus doce anos na primeira liña.

Fontes da súa contorna afirmaron en declaracións á axencia Europa Press que Garzón comunicou a súa decisión a Díaz a pasada terza feira, logo de coñecer o adianto electoral, da mesma forma que á dirección de IU, convencido de que a nova etapa impulsada por Sumar precisa de "novos perfís" para a primeira liña política. Ademais, algúns membros do actual espazo confederal de Unidas Podemos apuntaban durante as últimas datas á posibilidade de que o titular de Consumo optase por non repetir nas listas electorais.

"É unha decisión moi meditada que aspira a promover a renovación das caras públicas que representan este proxecto", indica o aínda ministro de Consumo no seu comunicado para salientar que, como republicano, "sempre" creu na "renovación dos representantes", pois é "san" para os proxectos políticos e tamén "para a democracia". Garzón muda así o seu rol político para esta lexislatura, unha fase "nova" que, como relata, chega nun "momento estupendo" para deixar que outros compañeiros "poidan achegar enerxía".

Tal e como el mesmo lembra, leva xa doce anos na primeira liña política, tras participar activamente do movemento social do 15-M, sendo logo elixido deputado en 2011 —tornando no deputado máis novo da Cámara— e chegando a encabezar un ministerio. "Como insistiu Julio Anguita, a política está en todos os recunchos da vida cotiá, e seguirei axudando a construír unha España máis xusta desde outros sitios, tamén políticos na miña organización, IU, e tamén en Sumar", asegura.

Ao mesmo tempo, confía en que a xente lembre a súa traxectoria parlamentaria e no Goberno como "positiva" e recalca que quen si vai valorar este paso é a súa familia, á que quere "coidar máis e mellor". Finalmente, manda o seu agradecemento a todas as persoas que o acompañaron nesta etapa, pois sen o seu apoio sería "moito máis difícil esta pelexa".

Yolanda Díaz: "Seguiremos traballando xuntos"

A vicepresidenta Yolanda Díaz reaccionou ao anuncio de Garzón gabando o seu "compromiso e valentía" para cambiar as cousas. "Admirei sempre a túa temperanza e xenerosidade, a túa maneira de facer política e de defender ás persoas traballadoras", enxalzou a líder de Sumar na súa conta de Twitter. Díaz lembrou ao titular de Consumo que "o compromiso e a valentía para cambiar as cousas nunca deixan a primeira liña". "Seguiremos traballando xuntos. Grazas, Alberto", concluíu.

Comentarios