A Xunta non se implicará en impedir os despedimentos en Unísono

O executivo galego elude comprometer ningunha acción en resposta a unha interpelación parlamentaria do BNG. O plantel de traballadoras e traballadores realizará esta segunda feira unha nova asemblea na que se poderían acordar novas protestas. Vídeos no interior.

manifestación diante de Unísono en Vigo (Arquivo).
photo_camera [Foto: CIG]

O goberno galego non se compromete a ningunha acción concreta para impediren a destrución de 97 postos de traballo no contact center vigués. Así se desprende das respostas de Javier Aguilera, Director Xeral do IGAPE, ás preguntas formuladas pola deputada do BNG Carme Adán na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galiza. O alto cargo da Xunta limitouse a afirmar que "non intereriremos en procesos xudiciais abertos", a respecto do conflito colectivo presentado polos sindicatos contra a decisión da empresa de deslocar 97 traballadoras.

“Que fixeron e, sobre todo, que pensan facer desde a Xunta para garantir os 97 postos de traballo que hoxe perigan en Unísono?” preguntou Carme Adán

“Que fixeron e, sobre todo, que pensan facer desde a Xunta para garantir os 97 postos de traballo que hoxe perigan en Unísono?” Esa foi a pregunta que centrou a interpelación á que a nacionalista Carme Adán someteu ao director xeral do IGAPE. Na súa exposición Adán relatou a situación recente da empresa, quen logo de promover un expediente de mobilidade xeográfica para deslocar case un 20% do seu plantel en Vigo ao seu centro de Madrid -decisión que vén de ser suspendida cautelarmente por mandato xudicial-, formulou recentemente un ERE de suspensión para ese mesmo colectivo durante cinco meses. Este feito demostra para a nacionalista que “o obxectivo da empresa é desmantelar os centros de Vigo mentres mantén os de Asturias, Andalucía e Madrid” polo que reclamou o compromiso efectivo do goberno galego para asegurar o mantemento deses empregos na cidade olívica. Aliás, insistiu en que o tipo de actividade que desenvolve a empresa (servizos de atención telefónica) non xustifica en ningún caso as razóns organizativas que poderían fundamentar ese traslado. “Ese traballo pódese seguir facendo perfectamente en Galiza” sentenciou.

O director xeral do IGAPE non respostou a  se a Xunta vai emitir ou non un informe desaforábel do ERE

A Xunta fala en nome da empresa

As reiteradas chamadas da deputada a que o director xeral do IGAPE ofrecese respostas concretas non tiveron éxito. Javier Aguilera apenas ofreceu evasivas, e centrou a súa resposta nun relato circular e xenérico a respecto da “procura da eficiencia empresarial”, mesmo xustificando os procesos de concentración empresarial. Porén, xa no particular a interpelación Aguilera limitouse a dar por bos os argumentos esgrimidos por Unísono para xustificar o expediente de mobilidade xeográfica, alegando que “a flexibilidade é algo esencial neste sector”. 

O alto cargo do goberno galego mesmo chegou a exercer de voceiro oficioso da empresa, asegurando que “Galiza é unha das comunidades estratéxicas para Unísono nas que apostou e aposta por seguir a crear emprego” e poñendo acima da mesa un presunto compromiso da compañía de “trasladar carga de traballo doutros clientes aos centros de Vigo”, extremo descoñecido polo Comité de Empresa.

"O noso papel limítase a apoiar as empresas que encaran dificultades" dixo Javier Aguilera

Na quenda de retruque Carme Adán cargou con dureza contra a intervención de Aguilera. “Acaba de soltarnos un rollo para non dicirnos absolutamente nada” afirmou para de seguido acusar ao director xeral de “defender unicamente a unha empresa que pretende deslocalizarse”. Adán insistiu en reclamar compromisos concretos por parte do goberno galego. “Que vai facer o goberno galego para impedir o ERE suspensivo que propón agora Unísono? Van asinar un informe desfavorábel para garantir os empregos ou se porán de parte da empresa?” inquiriulle a parlamentaria nacionalista. A resposta de Aguilera limitouse a soster que a Xunta “non imos interferir en procesos xudiciais”, explicando que o seu papel limítase a “apoiar as empresas que encaran dificultades”.

Ao remate da sesión Carme Adán manifestábase escandalizada nas redes sociais por esa contestación e comprometeuse a volver levar a cuestión ao Parlamento.

Proseguen as mobilizacións das e dos traballadores

Pola súa banda o plantel de traballadoras e traballadores continúa co seu calendario de mobilizacións. O pasado día 14 as delegadas e delegados sindicais da CIG e da CGT, acompañados por persoal do sector, concentrábanse ás portas da empresa poucas horas despois de que se coñecese o pretenso de Unísono de promover o ERE suspensivo. “Unísono pretende deste xeito que sexa a Seguridade Social a que faga fronte ao custe laboral destes traballadores até que non se resolva o conflito colectivo en xullo” explicaba Raquel Vázquez, secretaria de CIG-Unísono e membra do Comité de Empresa. Aliás, desde a sección sindical nacionalista expresaron publicamente o seu agradecemento ao BNG “pola súa implicación neste proceso que continuamos a vivir”.

Para esta segunda feira está convocada unha nova asemblea de traballadoras e traballadores da empresa, na que se poderían acordar novas accións de protesta.

Vídeos da interpelación parlamentar

Primeira quenda

Segunda quenda

Comentarios