Raquel Vázquez (CIG): "Non hai motivo nin base legal para que Unísono destrúa 97 empregos en Vigo"

Entrevista á secretaria da sección sindical da CIG en Unísono, logo de que a compañía de contact center anunciase o deslocamento a Madrid de case o 20% do plantel do seu centro en Vigo.

Raquel Vázquez, CIG Unísono
photo_camera Raquel Vázquez, CIG Unísono

A empresa do contact center Unísono, que conta con dous centros na cidade de Vigo, vén de comunicar a súa decisión de trasladar unha das súas principais campañas a Madrid. De se confirmar provocará a desaparición de 97 postos de traballo, minguando case nun 20% o plantel que arestora xa atinxía apenas a metade do número de traballadoras e traballadores que chegou a ter nos seus centros na cidade olívica.

Este anuncio súmase aos despedimentos que se produciron noutras empresas do sector no noso país, como Extel, ou máis recentemente o anuncio de 112 despedimentos en Atento, ambas radicadas na Coruña. Síntomas palmarios de como a precariedade e deslocalización da carga de traballo ameazan o futuro do sector en Galiza. Abordamos esta cuestión con Raquel Vázquez, secretaria da sección sindical da CIG en Unísono e integrante do seu Comité de Empresa, no que o sindicato nacionalista é maioritario.

Desde o Comité de Empresa lanzaron unha alerta asegurando que se van perder case un centenar de empregos

Unísono presenta esta medida o pasado mércores amparándose nunha suposta carta que envía France Telecom (matriz de Orange) na que lle di que queren centralizar en Madrid os seus servizos. En base a esa carta a empresa di que as 97 persoas adscritas en Vigo á campaña de Orange (que funcionaba practicamente desde a apertura do centro) teñen que irse a Madrid, a través dun expediente de mobilidade xeográfica, ou irse á rúa cunha indemnización de apenas 20 días por ano traballado. Unha vez que se comunicou á autoridade laboral e ao Comité de Empresa, por certo dun día para outro sen aviso previo, encetou o período de consultas. Desde entón mantivemos dúas xuntanzas coa empresa nas que non se logrou ningún avanzo, xa que a empresa enrócase en que, segundo eles, ningún dos corenta clientes que teñen en Madrid quere que traer os servizos a Vigo, nin tan sequera campañas pequenas como a de Inditex de 15 postos. 

Se tivesen votande de manter en Vigo os 97 postos que ofrecen agora en Madrid poderían facelo en problema

A empresa non ten perdas económicas nin problemas organizativos nin técnicos. Cómpre lembrar que Unísono é unha das cinco principais empresas do sector, que conxuntamente concentran o 45% do mercado. O telemárketing é un traballo que, como é obvio, se fai a distancia, polo tanto se tivesen votande de manter en Vigo os 97 postos que ofrecen agora en Madrid poderían facelo en problema.

Que explicación ofrece a empresa cando asegura que ningún cliente quere que se presten os seus servizos desde Vigo?

A empresa escúsase asegurando que teñen un equipo comercial que o está a intentar, que se reúne co clientes e tenta convencelos, mais alegan que se os clientes queren que o servizo se preste desde Madrid non poden obrigalos porque poderían perdelos.

Semella que non confían nesa versión. Cales son os motivos reais que sospeitan fican detrás desta decisión?

Unísono comentounos, nunha das xuntanzas, que un dos motivos da apertura dos seus centros en Galiza foi o crecemento que se deu entre os anos 2010 e 2011 no sector do contact center, período no que a empresa incrementou nun terzo a súa facturación. Nese tempo eles afirman que non tiñan xa xente en Madrid para desenvolveren ese traballo, un emprego moi precario e dado que a crise daquela non estaba tan avanzada non existía tanta necesidade de ir a traballos coma este, polo que despois de facer unha análise de diversas provincias e cidades do Estado decidiron abriren en Vigo, considerando que era unha das cidades que maior cualificación e maior taxa de desemprego tiña, nomeadametne xente nova.

Non descartamos que a empresa tome esta decisión para lograr novas subvencións da Xunta

Por outra banda o segundo centro que abriu en Vigo foi a cargo dunha subvención do IGAPE, mediante a que se obrigaba a manter cen postos de traballo netos durante cinco anos. Agora venceu esa obriga, e nun momento de grande desemprego en todo o Estado, Unísono parece non ter ningún tipo de interese en manter o traballo en Vigo e aposta por unha maior centralización, deslocándoo a Madrid.

Está a usar a empresa esta situación como forma de premer á Xunta para obteren novas subvencións?

Desde logo non o descartamos, mais tampouco o podemos asegurar xa que a empresa non está a amosar as súas cartas. 

Denuncian que con esta medida o que pretende Unísono é prescindir de postos indefinidos en Vigo

Eles presentaron este expediente sabendo que a meirande parte do persoal afectado non se vai poder trasladar a Madrid, xa que leva 8 anos na empresa e están instalados aquí, polo que todo apunta a que así poderán librarse de indefinidos. Nestes últimos tempos a empresa decidira converter en indefinido un bo número de persoal de obra, atinxindo unha porcentaxe  de case o 80% de postos fixos sobre o total do plantel, moi por riba da porcentaxe que se fixa no convenio. Cremos que a empresa creou a mantenta unhas circunstancias que lle permitan alegar que a situación é insostíbel polo número de postos indefinidos.

Estamos ante un novo caso de deslocalización?

A empresa prefire deslocar o traballo a países cunhas condicións laborais e salariais moito máis precarias

Nós agora mesmo non temos constancia, polo momento, de que leven traballo para Chile, mais nestes momentos hai unha previsión de crecemento brutal no seu centro en Colombia. Un dato moi gráfico: Unísono en Vigo pasou de ter un plantel de 1.000 traballadoras e traballadores a apenas 500, mentres que en Colombia a previsión é pasar de 500 a 1.000. A empresa non quere manter o emprego aquí, porque traballo e clientes si que hai, mais prefiren deslocalo a países cunhas condicións laborais e salariais moito máis precarias que as nosas. 

Despedimentos en Extel e en Atento... que pasa no sector en Galiza?

Sucede o que sucede en todo o contact center, que é un traballo que é a vangarda do capitalismo xa que poden aplicar todas as contrareformas e precarizar e desregular ao máximo. Téñeno moi doado por ser un traballo a distancia, que non é físico nin visíbel. Eles poden, por exemplo, desviar tráfico de chamadas dun día para outro e non temos mecanismos legais que nos permitan destapar esas tramas empresariais. 

En que punto están as conversas entre Comité e empresa?

En vez de deslocar traballadoras e traballadores poderían perfectamente mover chamadas

O Comité de Empresa a día de hoxe entendemos que non hai base legal para esta decisión. En primeiro lugar porque sendo un tipo de traballo que se desenvolve a distancia, non hai ningunha razón para aplicar a mobilidade xeográfica. En vez de deslocar traballadoras e traballadores poderían perfectamente mover chamadas. Amais diso, a empresa non ten disposición para negociar. Á mesa de negociación apenas traen o mínimo que lles obriga o convenio, como compensacións económicas para os traslados. Aliás, outro aspecto importante que denunciamos desde a sección sindical da CIG, e tamén o conxunto do Comité, é que non temos garantías de que en Madrid existan realmente os 97 postos que se destrúen en Vigo. A empresa non responde nada conciso nin concreto cando se lle pregunta onde van ser recolocadas e recolocados os compañeiros que se trasladasen, unicamente ofrece evasivas. Algo que se suma a que veñen de facer despedimentos recentemente en Madrid. Isto pon en cuestión se a empresa actúa realmente coa boa fé que legalmente lle é exixíbel. Algo raro hai detrás de todo isto.

Que van facer perante o bloqueo na negociación?

Temos o convencemento de que as mobilizacións van ser moi importantes

A CIG en Unísono sempre apostamos por realizar asembleas períodicas de traballadoras e traballadores. Neste senso, tamén desde o Comité de empresa, acordamos que despois de cada xuntanza que se manteña coa empresa celebraremos unha asemblea para informar directamente ao plantel. Precisamente a Asemblea decidiu a convocatoria de paros, como o que tivo lugar este luns á mañá que foi secundado polo cen por cen do plantel. Asemade, estamos a preparar unha acampada e unha manifestación, para os vindeiros días.

Como están a enfrontar as e os traballadores esta situación?

As e os compañeiros están moi implicados nesta loita.  A pesar de que a empresa está operando por atrás, tentando dividir o Comité e desmobilizar ás e aos traballadores. Temos o convencemento de que as mobilizacións van ser moi importantes, pola gravidade da situación e a importancia de evitarmos que se sigan a destruír máis postos de traballo.

Comentarios