Un ano máis, e xa van 11, Feixoo conxela o complemento da pensión non contributiva

O complemento da pensión non contributiva para as persoas pensionistas con menos recursos será de 206 euros, mesma cantidade que en 2011, pese á alza dos prezos e a suba da factura da luz.
O Consello da Xunta decidiu manter o complemento da pensión en 206 euros, mesma cifra que en 2011.
photo_camera O Consello da Xunta decidiu manter o complemento da pensión en 206 euros, mesma cifra que en 2011. (Foto: Arxina)

Pese á alza dos prezos e en plena onda de frío e coa factura da luz disparada, o Goberno galego resolveu manter conxelado o complemento das pensións non contributivas da Seguridade Social e doutras prestacións semellantes. 

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, informou este 25 de novembro de que o Executivo galego aprobou manter en 206 euros o complemento que recibirán 37.000 pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, persoas anciás e enfermas con incapacidade para o traballo, beneficiarias de axudas periódicas; e as persoas con discapacidade que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos.

Trátase dunha medida voluntaria, pois as comunidades autónomas non están obrigadas a tela. A orixe deste complemento dirixido a persoas con baixos recursos data de 2009, co impulso do daquela vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, no Goberno galego de PSdeG e BNG. Naquela altura, o complemento beneficiou con 200 euros máis de 50.000 persoas.

Ese mesmo ano chegou Feixoo a San Caetano e do borrador de orzamentos da Xunta para 2010 desapareceron as partidas para o complemento da pensión. Logo, Feixoo rectificou e foi dando continuidade á medida anualmente, mais manténdoa practicamente intacta na súa contía. A pesar do incremento do IPC, o complemento da pensión só experimentou unha única suba, pasando de 200 a 206 euros en 2011. Desde entón, non volveu subir.

Así, o complemento da pensión para 2022 será outra vez de 206 euros. A axuda ingresarase de oficio a todas as persoas que reúnan os requirimentos, sen necesidade de solicitala nin facer trámites.

Conferencia de presidentes

A xestión dos fondos europeos Next Generation, un plan para evitar o "colapso" na Atención Primaria, a reforma do sistema de financiamento autonómico, prezos xustos para o sector primario, garantías de servizos no rural e o reto demográfico son as prioridades que Feixoo marcou este 26 de novembro na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de cara á Conferencia de Presidentes autonómicos prevista para o arranque de 2022.

Así o trasladou ás portas da reunión preparatoria da cita que decorrerá na sexta feira e á que acudirá o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.

Axudas para a renovación de vehículos antigos

Noutra orde de asuntos, o Consello da Xunta aprobou o II Plan estratéxico da Cidade da Cultura, que marcará a dirección a seguir no Gaiás nos próximos seis ano. Inclúe 70 accións e prevé un investimento de 30 millóns.

Tamén se aprobaron as bases da convocatoria do programa Renove Automoción, con axudas que poden chegar até os 4.600 euros para a compra de vehículo novo a aqueles que teñan un coche de máis de 10 anos ou de cinco, no caso das furgonetas. 
O Executivo tamén aprobou un plan de promoción do turismo que se estenderá até 2023, dando continuidade á campaña ‘Camiña a

Galiza’. O novo programa, dotado de 7 millóns, vai destinado a reforzar o pulo turístico. 

Por último, o Consello da Xunta aprobou mobilizar 25 millóns en 2022 para "blindar a riqueza e os valores do patrimonio natural". 

Comentarios