A Xustiza avala cobrar a pensión e manter a titularidade dun negocio

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza afirma nunha sentenza que a persoa titular dun negocio pode cobrar a pensión de xubilación sempre que non haxa dedicación profesional, só administrativa
O titular da empresa non pode levar persoalmente a explotación do negocio.
photo_camera O titular da empresa non pode levar persoalmente a explotación do negocio.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) decretou nunha sentenza que o goce da pensión de xubilación é "compatíbel co mero mantemento da titularidade dun negocio", a condición de que esa persona desempeñe só "as funcións inherentes a esa titularidade que non impliquen unha dedicación de carácter profesional".

Os maxistrados subliñan que para ser cualificado como traballador por conta propia "non basta con ser titular dunha empresa ou negocio, senón que é preciso realizar un traballo efectivo, en sentido económico, de forma habitual e directa".

A Sala incide en que debe admitirse a plena compatibilidade da alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) co percibo da pensión de xubilación "a condición de que o pensionista manteña a mera titularidade do negocio", á vez que advirte que a persona traballadora debe desvirtuar con probas a presunción legal de estar a realizar un traballo por conta propia que leva darse de alta no RETA.

Poderá cobrar pensión sempre que non haxa unha dedicación de caracter profesional, só administrativo

"Aínda que a inclusión no RETA (xa sexa de oficio ou por parte do propio autónomo) presupón que se exerce de forma habitual, persoal e directa unha actividade económica a título lucrativo, sen suxeción por ela a contrato de traballo, e aínda que utilice o servizo remunerado doutras persoas, sempre caberá a acreditación de que concorra a excepción, cuxa proba incumbe ao autónomo, consistente en que se ostente a mera titularidade do negocio", indican os maxistrados.

O alto tribunal galego entende que se debe distinguir "entre o exercicio de funcións inherentes á titularidade do negocio" ─entre as que se atopan as de índole administrativo, de relación con organismos oficiais─, "daqueloutras actividades que supoñen levar persoalmente a explotación do negocio", o que supón presenza física ao longo da xornada e traballo de oficina ou outro tipo.

Comentarios