Xela Martínez e Celia Castro son convocadas para Asturias

49 atletas viaxarán ao Sub-18 estatal.
Celia Castro, á dereita, estará en Xixón (Foto: FGA).
photo_camera Celia Castro, á dereita, estará en Xixón (Foto: FGA).

Corenta e nove atletas (22 mulleres e 27 homes viaxarán esta fin de semana até a cidade asturiana de Xixón para participar no Campionato de España Sub-18. Na lista, facilitada pola Federación Galega de Atletismo, destaca a plusmarquista estatal e campioa de España de pista cuberta Xela Martínez, que buscará ter nesta cita unha boa actuación logo dun comezo de tempada en aire libre na que as lesións impedíronlle seguir progresando.

Xunto á lucense, Lara Iglesias, do Barbanza, na xavelina, representa outra das serias opcións aos metais após conseguir a súa segunda mellor marca, ao igual que ocorre con  Celia Castro, do Mazí, sobre os 800 metros, distancia na que acode co terceiro mellor rexistro das participantes.

Por marcas acreditadas, as olladas seguirán pendentes do que fagan tanto o bronce estatal indoor, Daniel Salgueiro, da Coruña Comarca, como Ricardo Negrete, do Atletismo Ferrol. Ambos os dous atletas competirán na proba dos 800 metros na que teñen claras opcións de estar na loita polos metais.

Nos 400 metros terán moito que dicir Alicia Barreiro, do Ría Ferrol, que correrá esa distancia nos lisos e nos valos con opcións importantes en ambas as dúas. Sobre esta última distancia Leo Rodríguez, do Celta, será outro dos atletas que teña moito que dicir na final.

Ademais, Iker Fernández, da Gándara, nos 800 metros, e as representantes da Atlética Lucense, Amparo Corredoira, nos 1.500 metros, e Sara Guedes, nos 2.000 obstáculos, representan no medio fondo e fondo as mellores opcións. As esperanzas galegas tamén están nos lucenses Teo de Frutos, do Lucus, bronce estatal de pista cuberta nos 3.000 metros, e de Miguel Alvariño, da Atlética Lucense, cuarto clasificado na mesma final. Os dous estarán na saída dos 1.500 metros.

Lanzamentos e marcha 

Nos concursos de lanzamentos serán protagonistas en Xixón por parte galega Gema Dacosta (Vila de Cangas) en peso, Aixa Corbacho (Rías Baixas) en martelo e Enzo López (O Barbanza) na xavelina.

Por último, a federación sinalou que se contará coa presenza en Asturias de Pablo Sánchez  (Atlética Lucense) e Natalia Rivas (Ría Ferrol) na especialidade de marcha que a maior parte das veces achega boas novas a nivel de resultados.

Comentarios