O Viaxes Amarelle busca a vitoria en Gran Canaria

O equipo herculino de Viaxes Amarelle viaxará até Gran Canaria para xogar contra un rival directo cun historial deportivo semellante.
O Viaxes Amarelle nun intre do partido co Alcantarilla, Murcia. (Foto: Viaxes Amarelle).
photo_camera O Viaxes Amarelle nun intre do partido co Alcantarilla, Murcia. (Foto: Viaxes Amarelle).

O Viaxes Amarelle FSF, dirixido por Jorge Basanta, afronta o segundo desprazamento da tempada, e farao nunha viaxe longa para visitar o Gran Canaria Teldeportivo (hoxe ás 19 horas). As das illas son rivais directas e recentemente ascendidas, igual que a escuadra laranxa. 

O conxunto herculino estivo traballando durante esta semana sabendo que os puntos poden dirixir as seguintes xornadas da competición. O equipo galego vai recuperando xogadoras, aínda que seguen sendo baixa para esta xornada Ronsel Canteiro e Carlita. 

O técnico viveirense do Amarelle convocou para esta viaxe as porteiras Leti Vermello e Nerea Ramallo, así como as xogadoras de pista, Cris Lourés, Carol Agulla, Clàudia Lobo, Èlia Gullí, María Gómez, Lau Doce, Khrystyna Stepanenko, Marta Hermo, Daryna Tkachenko e Laura Rivas. O encontro será emitido a través de streaming por unha plataforma  propia da Real Federación Española de Fútbol.

Traxectorias semellantes no fútbol sala feminino

O rival tivo unha traxectoria semellante á do equipo coruñés. Ascendeu esta tempada á elite do futsal feminino, tras un paso rápido pola segunda categoría estatal a pasada campaña, da mesma maneira que fixeron tamén as herculinas. O conxunto das Palmas volveu á elite do fútbol sala feminino tras unha gran campaña na Segunda RFEF Futsal Feminina na que foron líderes do seu grupo con gran solvencia. 

Xa na nova tempada na Primeira RFEF Futsal Feminina, e malia ceder unha derrota na primeira xornada fronte ao vixente campión de liga, no seguinte partido conseguiron unha importante vitoria por 0-2 en casa do equipo madrileño do Móstoles FSF. 

Ambos os dous equipos coincidiron tamén na tempada 2020-2021 na Primeira RFEF Futsal Feminino e nos encontros que ambos os dous equipos disputaron nesa tempada, a vitoria sempre caeu ao lado herculino, aínda que sempre con partidos moi disputados.

Porén, segundo fontes do club, as xogadoras laranxas sairán á cancha dispostas a voltar cun resultado positivo. Diante terán un equipo que demostrou, nas dúas primeiras xornadas, unha gran solidez defensiva e unha boa actuación da súa porteira baixo paus.

Comentarios