luns 18/10/21

Ourense gaña un competido derbi ante o Viaxes Amarelle

Único partido da xornada con presenza galega
A intensidade foi a característica principal do encontro. (Foto: Viaxes Amarelle).
A intensidade foi a característica principal do encontro. (Foto: Viaxes Amarelle).

Xornada atípica na Primeira División de Fútbol Sala mesmo para os estándares desta tempada, pois o coronavirus, por unha banda, e as consecuencias da borrasca Filomena, pola outra, provocaron que só se puidesen disputar catro dos oito partidos previstos.

Dos cinco equipos galegos da categoría, só Viaxes Amarelle e Ourense Envialia tiveron a oportunidade de competir, mentres que Poio Pescamar, Pescados Rubén Burela e Cidade das Burgas viron como os seus encontros eran adiados.

Herculinas e ourensás enfrontáronse no Pavillón Municipal da Sagrada Familia da Coruña nun intenso derbi que caeu do lado visitante por 2-3, pois a pesar de que o Amarelle axiña se puxo por diante, Ourense Envialia conseguiu darlle a volta o partido nunha gran segunda metade.

O choche comezaba cos dous equipos apostando por unha presión alta sobre o seu rival, e o primeiro en atopar o seu premio foi o conxunto herculino, logo de que Candela Soria roubase un balón en media cancha e saíse triunfante dun man a man coa gardameta Sandra xa no minuto e medio de xogo.

O tanto non fixo que ningún dos equipos baixase o ritmo, e tan só tres minutos despois chegou o empate, transformado por Marta após un saque de banda que enviou directo ao fondo da rede da portaría laranxa.

Coa igualada no marcador o cadro ourensán empezou a facerse co definitivo control do partido, mentres que as herculinas optaron por xogar máis atrasadas e tratar de sorprender á contra. Non obstante, o tanto do 1-2 para o Ourense Envialia chegaría, precisamente, nun contraataque, maxistralmente definido por Andrea Feijóo cun potente disparo ante o que nada puido facer Vane.

Malia que as xogadoras do Viaxes Amarelle non baixaron os brazos, tratando intermitentemente de lograr a igualada, apenas dous minutos despois de volver do descanso Laura Uña anotaba un novo gol para o Envialia, que provocou a reacción coruñesa en forma de gol transformado por Patri Corral no minuto 32.  

Por momentos parecía que o empate estaba nas mans do Viaxes Amarelle, que chegou a optar polo xogo de cinco para tratar de igualar a  contenda e conseguir puntuar, pero o Ourense foi quen aguantar e facerse co triunfo definitivo.

comentarios