Cidade das Burgas e Viaxes Amarelle queren volver á elite

Fase de ascenso á Primeira de fútbol sala.
As herculinas precisan só dunha vitoria para subir de categoría. (Foto: Viaxes Amarelle).
photo_camera As herculinas precisan só dunha vitoria para subir de categoría. (Foto: Viaxes Amarelle)

Todo por un soño. O Viaxes Amarelle FSF e o Cidade das Burgas xa contan as horas para a disputa das eliminatorias polo ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino estatal. O conxunto herculino está a 40 minutos de regresar á Primeira RFEF Futsal, mentres que o Cidade das Burgas deberá superar un camiño máis longo para alcanzar a gran meta.

Así, o club herculino empeza os preparativos para poder gozar dun play-off onde as xogadoras laranxas pelexarán polo ascenso directo este sábado a partir das 18 horas no Pavillón Municipal da Sagrada Familia (A Coruña), recibindo o A Boca Te Lía Futsal Alcantarilla coa tranquilidade de saber que, aínda no caso de non lograr o triunfo, terá unha nova oportunidade de subir a Primeira nunha segunda eliminatoria.

Para este partido, o técnico Jorge Basanta citou ás porteiras Sandra Rodríguez e Leti Rojo, así como ás xogadoras de pista Candela Soria, Patri  Romaní, Cris  Lourés, Èlia Gullí, Yaiza,  Lau Doce, María Gómez, Carlita, Irune Santesteban, Carol  Agulla, Marta Hermo e  Daryna  Tkachenko.

O rival que terá en fronte destaca pola súa gran experiencia nesta clase de encontros, pois esta é o seu cuarto play-off consecutivo.

Ademais, chegan nun bo momento, tras rematar na segunda posición do Grupo 3 da categoría de prata do fútbol sala feminino, logo de acumular 56 puntos en 24 xornadas nas que sumou 18 vitorias, dous empates e catro derrotas, marcando 87 goles a encaixando só 25, o que fai do murciano o conxunto menos goleado da Segunda RFEF.

As Burgas comeza o seu camiño co Villanovense

Esta fin de semana tamén arranca o camiño polo regreso á elite para o Cidade das Burgas GLS. Será, concretamente, ás 19.30 horas coa eliminatoria de cuartos de final -a partido único- que o medirá co estremeño do Unión Deportiva La Cruz Villanovense. 

A súa vía de regreso a unha Primeira RFEF que abandonaron hai xusto un ano será algo máis complexa que o do Viaxes Amarelle, pois terá que superar tres finais para alcanzar a súa meta, comezando polo choque co Villanovense. De conseguilo, na seguinte rolda agarda un campión de grupo como visitante, e na finalísima recibirá como local outro segundo de grupo.

Comentarios