A tempada 2016 da Liga ACT ou San Miguel comezou tal e como finalizou a do 2015, cunha vitoria de Hondarribia, a traiñeira que está a marcar o ritmo nos últimos tempos, impóndose na puga que mantén estes anos co resto de barcos que compoñen a 'fab four': Urdaibai, Orio e Kaiku.
Na regata inaugural, que por cuestións de promoción decorreu en Sevilla, Hondarribia venceu e Urdaibai foi segunda, clasificándose Astillero como terceira. A representante cántabra semella que quer volver situarse no alto da táboa, como nos seus mellores anos. Será quen? Esta foi unha pre-tempada de reforzos que apontan a que as 19 probas da Liga ACT van ser do máis competitivas.
As representantes galegas, Tirán e Cabo de Cruz, finalizaron nesta regata inaugural, que decorreu en Sevilla, sétima e oitava, respectivamente e con apenas 2 segundos de diferenza entre as dúas. Moañeses e barbazáns manterán un ano máis o seu particular duelo no seo da ACT, competindo por ser a mellor traiñeira galega.
O inicio de tempada sempre é un tanteo para as embarcacións galegas, que así coñecen o estado e potencialidades das súas rivais (9 traiñeiras vascas e 1 cántabra). Após a regata do domingo en Sevilla, a ACT entra nun descanso até xullo, cando comezará o groso da tempada. Cabo de Cruz e Tirán aspiran a meter palada na parte noble da táboa. O obxectivo desexado, mellorar os resultados de tempadas pasadas. Mais o primeiro,como reiteran os clubs, é asegurar a permanencia. E unha vez garantida, apontar cara arriba. Porque manterse na Liga ACT non é cousa doada, como ben saben os de Samertolameu de Meira, a terceira representante galega na competición e que descendeu.