As traiñeiras galegas renuncian a competir no Campionato de España

A competición que decorre esta fin de semana en Castro-Urdiales (Cantabria) contará só con 5 embarcacións: 4 vascas e 1 cántabra. A Federación española advirte que para vindeiras edicións vai declarar obrigatoria a participación.

Traiñeira Tirán
photo_camera Traiñeira de Tirán

Castro-Urdiales acollerá este sábado e domingo, 1 e 2 de agosto, a 68 edición do Campionato de España de Traiñeiras, unha cita na que non haberá ningunha embarcación galega, pois renunciaron a participar. Nin Cabo de Cruz -campioa galega- nin Tirán -sub-campioa- van estar na competición. A decisión de non asistir fixo correr a lista e que se convidase a participar no Campionato de España a Meira (3ª no Campionato Galego de traiñeiras), Amegrove e Mugardos. Todas elas declinaron tomar parte na cita.

O custo dos desprazamentos, os axustados orzamentos dos clubes, a mingua das axudas... levan a declinar a participación

O custo dos desprazamentos, os axustados orzamentos dos clubes, a mingua das axudas... levan a declinar a participación desta decisión dos clubes galegos. Non é o primeiro ano que teñen que renunciar a competir por causas económicas. A mingua das axudas, o alto custo dos desprazamentos,... fan que moitos clubs galegos teñan que priorizar as competicións nas que se atopan (ACT ou LGT) ou ben ás que aspiran (regata Kontxa) e deixar de lado o estatal de traiñeiras.

A decisión non gostou á Federación española de remo, anoxada por poder contar só con 5 traiñeiras para o Campeonato de España (Bermeoko, Hondarribia, Orio e Kaiku, así como a cántabra Astillero). De aí a advertencia feita por este organismo de que en vindeiras edicións a asistencia será “obrigatoria”.

Cabo mantén o título galego en masculino e feminino

A semana pasada decorreu en augas de Vilaxoán o Campionato Galego de Traiñeiras. A embarcación de Cabo de Cruz revalidou o seu título, entrando na meta por diante de Tirán (segundos, a 2 segundos), Meira (a 30 segundos), Amegrove e Mugardos.

En categoría feminina, as de Cabo de Cruz volveron obter a vitoria, por diante de Chapela e de Mecos-Vilaxoán.
 

Comentarios