Traballo abre expediente á Federación Española de Fútbol por "incumprimentos en materia de igualdade"

Sanciona, ademais, a Barça, Espanyol e Europa.
A investigación abriuse a raíz do bico de Rubiales a Hermoso. (Foto: Europa Press).
photo_camera A investigación abriuse a raíz do bico de Rubiales a Hermoso. (Foto: Europa Press).

O Ministerio de Traballo e Economía Social abriu acta de infracción á Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e sancionou o Fútbol Club Barcelona e a outros dous equipos da segunda categoría do fútbol feminino -na que milita o Real Club Deportivo- por "incumprimentos en materia de igualdade", unhas sancións que foron impostas logo da investigación iniciada polo Ministerio despois do estoupido do 'Caso Jenni Hermoso'.

Na investigación comprobáronse as obrigacións destas empresas (RFEF e clubs) no referente á igualdade retributiva para verificar a existencia dun "rexistro retributivo ou discriminación salarial". Do mesmo modo, realizáronse actuacións en materia de acoso sexual e razón de sexo e verificouse se contaban con plans de Igualdade.

No caso da RFEF, a Inspección de Traballo abriu acta de infracción pola situación do Plan de Igualdade e por non activar o protocolo de acoso. Con respecto aos clubs, ademais de ao Barça sanciono o Real Club Deportivo Espanyol e o Club Esportiu Europa, ambos tamén da cidade condal e actuais segundo, terceiro e duodécimo clasificados na liga, a cinco, seis e 27 puntos do Dépor, respectivamente.

Nunha entrevista concedida a RNE, a responsábel da carteira de Traballo, a galega Yolanda Díaz, aumentou a información dispoñíbel explicando que aínda "está sen culminar o expediente da desigualdade retributiva en nove entidades", pero que van "culminar" o seu labor.

Sobre as sancións que se imporán de confirmarse os incumprimentos que investiga a Inspección, Díaz recoñeceu que as entidades acusadas poderían enfrontarse ao "importe máximo das multas", aínda que recoñeceu tamén que serían "cantidades pequenas" ao tratarse "dun proceso documental".

Non obstante, para ela o máis importante é enviar unha "mensaxe forte" de que as futbolistas "son unhas heroínas", e que no deporte "tampouco pode haber machismo". "Alguén imaxina [indicou en referencia á situación padecida pola xogadora Jennifer Hermoso cando sufriu un bico contra a súa vontade por parte do por aquel entón presidente da RFEF, Luis Rubiales] que eu estou cos comisarios europeos e fan a unha vicepresidenta o mesmo que o señor Rubiales, pareceríalle que é normal?", cuestionouse Díaz.

Comentarios