Tere Abelleira a Jenni Hermoso: "Intolerábel! Estamos contigo!"

A futbolista foi homenaxeada en Pontevedra após gañar o Mundial de fútbol feminino

Tere Abelleira, esta quinta feira en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera Tere Abelleira, esta quinta feira en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

A campioa do mundo de fútbol coa selección española Tere Abelleira dixo esta sexta feira que "este é un bo momento" para marcar un "punto de inflexión" para que "ningún éxito das mulleres futbolistas e deportistas sexa manchado por ningún tipo de comportamento".

Abelleira fixo esta alusión indirecta á polémica xerada polo bico non consentido do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, á futbolista Jenni Hermoso, no transcurso da homenaxe brindada pola Deputación de Pontevedra na Cidade Infantil Príncipe Felipe.

Posteriormente, nas súas redes sociais, a centrocampista pontevedresa mostrou o seu apoio a Jenni Hermoso: "Intolerábel! Estamos contigo! @JenniHermoso", publicou no seu perfil de X.

Neste acto participaron activamente xogadoras de fútbol dos diferentes equipos femininos galegos así como un grupo de mozos do Príncipe Felipe ás que a campioa dixo estar "segura de que dentro dalgúns anos" será ela a que "virá recibir a algunha de vós cunha medalla no peito".

Abelleira reivindicou o esforzo de moitas mulleres futbolistas "que levan camiñando desde hai moitos anos atrás sen recursos, cando lles puñan moitas barreiras", polo que o éxito deportivo do combinado español tamén é seu.

"Eu tíveno moito máis fácil do que o tiveron elas", díxolles ás xogadoras que a estaban escoitando e ás que desexou que o teñan "aínda máis fácil". "E que crezades con soños aínda máis grandes", engadiu.

Do mesmo xeito, a futbolista pontevedresa insistiu en que "é un orgullo e un privilexio formar parte deste cambio".

 

Comentarios