A galega Tere Abelleira brilla no Mundial de fútbol e levanta a Copa

A de Pontevedra é a primeira galega campioa do mundo.
Tere Abelleira disputa un balón durante a final do Mundial contra Inglaterra.
photo_camera Tere Abelleira disputa un balón durante a final do Mundial contra Inglaterra.

A selección do Estado español proclamouse campioa do mundo tras vencer Inglaterra pola mínima na final do campionato disputado en Australia e Nova Zelandia.

A galega Tere Abelleira foi titular e disputou a final íntegra. Exerceu de sostén no medio do campo durante todo o encontro, máis intenso e mesmo agónico na recta final tras engadir a colexiada 13 minutos extra de xogo.

Un gol de Olga Carmona no minuto 29 da primeira parte adiantou o equipo e foi suficiente para que a galega erguese a Copa do mundo malia os intentos das Lionesses por darlle a volta ao marcador.

Con todo, o combinado do Estado español foi quen máis perto estivo de ampliar a súa vantaxe, primeiro cun balón ao poste de Salma antes de chegar ao descanso, e xa na segunda parte grazas a un penalti por man de Walsh que Jenni Hermoso non logrou finalizar.

Campioa do mundo

Tere Abelleira alcanzou a final da Copa do Mundo nun momento de madurez futbolística. Chegou e reivindicouse en cada eliminatoria antes de facer historia ante as favoritas, deixando as rivais sen opcións para que se repetise a historia da Eurocopa de 2022. O 20 de xullo dese ano, Inglaterra eliminou nos cuartos de final da Eurocopa ao combinado do Estado español.

Con 23 anos, Tere Abelleira convértese na primeira galega campioa do mundo, un fito que abre camiño e serve de exemplo, canda o resto de xogadoras do fútbol profesional, ás xeracións máis novas, cada vez máis numerosas en ducias de clubs e campos municipais, en equipos mixtos e integramente femininos.

De fan a ídolo

O exemplo de Vero Boquete, recoñecida como a mellor xogadora galega de todos os tempos, conduciu á súa vez a Tere Abelleira até o máis alto do fútbol profesional, desde AJ Lérez e o Poio Péscamar de fútbol sala até o Real Club Deportivo feminino, con quen ascendeu á máxima categoría, onde continúa noutro dos grandes do fútbol estatal.

Abelleira converteuse na primeira muller en posuír unha licencia profesional na Galiza e antes deste título internacional conquistou o subcampionato de Europa Sub-17 e o título continental Sub-19.

Comentarios