Pontevedra recibe Tere Abelleira após gañar o Mundial

Estatisticamente, a dianteira foi  a 'MVP' do Campionato do Mundo
Miguel Anxo Fernández Lores e Tere Abelleira, esta quinta feira en Pontevedra. (Foto: Arxina)
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores e Tere Abelleira, esta quinta feira en Pontevedra. (Foto: Arxina)

A futbolista pontevedresa Tere Abelleira foi recibida na súa cidade natal esta quinta feira, 24 de agosto, após gañar o Mundial de fútbol feminino coa selección do Estado español. 

O triunfo mundialista de Tere Abelleira foi seguido de forma masiva na súa terra natal, tanto desde domicilios particulares -este España contra Inglaterra da final de Sidney xa é o partido feminino máis seguido na historia do Estado, con  5,6 millóns de persoas pegadas de media á pequena pantalla e un share de 65,7% a pesar de ser ao mediodía dun domingo- como nos bares ou nalgunha das múltiples pantallas xigantes instaladas en localidades como Sanxenxo, Poio, A Coruña ou a cidade natal de primeira campioa do mundo nada na Galiza, Pontevedra.

O alcalde da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu a deportista após afirmar que "queremos que toda a cidade estea presente e manifeste o noso orgullo".

O rexedor, ademais, expresou a súa felicidade polo logro da súa paisana, "que pon Pontevedra no mapa". "Ela, formada en Pontevedra nas categorías de base, tras proclamarse campioa do munxo xa é a mellor xogadora de fútbol que ten a nosa cidade", concluíu Fernández Lores. 

Campioa do mundo

Tere Abelleira alcanzou a final da Copa do Mundo nun momento de madurez futbolística. Chegou e reivindicouse en cada eliminatoria antes de facer historia ante as favoritas, deixando as rivais sen opcións para que se repetise a historia da Eurocopa de 2022. O 20 de xullo dese ano, Inglaterra eliminou nos cuartos de final da Eurocopa ao combinado do Estado español.

Con 23 anos, Tere Abelleira convértese na primeira galega campioa do mundo, un fito que abre camiño e serve de exemplo, canda o resto de xogadoras do fútbol profesional, ás xeracións máis novas, cada vez máis numerosas en ducias de clubs e campos municipais, en equipos mixtos e integramente femininos.