A sindicación, a última barreira no deporte

A meirande parte das deportistas están afastadas dos sindicatos
Maradona tratou -sen éxito- de artellar nos anos 90 un sindicato futbolístico no que contou con homes como Cantona, Bebeto ou Raí. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Maradona tratou -sen éxito- de artellar nos anos 90 un sindicato futbolístico no que contou con homes como Cantona, Bebeto ou Raí. (Foto: Nós Diario).

O mundo do deporte conta cunha serie de particularidades que o distinguen de calquera outro eido laboral. Unha das principais é o culto asociado ao mérito individual, mesmo nas disciplinas colectivas. Só hai que realizar unha simple busca cruzada en Google coas palabras "gaña partidos el só" para evidenciar que Michael Jordan, Cristiano Ronaldo ou Messi semella que non precisaron da contribución dos seus compañeiros para  cimentar as súas lendas. 

Ese individualismo endémico  esténdese tamén ás relacións laborais dos e das deportistas, que na súa inmensa maioría están desvinculadas por completo das centrais sindicais convencionais. A máis importante na Galiza, a CIG, explica a Nós Diario que ese distanciamento pode deberse, ademais, a que "quen está no mundo do deporte federado móvese a outros niveis e cobra por outras vías". 

"Na CIG temos moita xente afiliada que está relacionada co deporte, traballadores e traballadoras de piscinas municipais, pavillóns, outras instalacións deportivas... pero é raro que teñamos afiliados ou afiliadas que compitan, pois están bastante desvinculadas. A determinado nivel, xa non se sindican. Por exemplo, temos representación no Real Club Celta de Vigo, pero entre o persoal de administración e contabilidade, non entre os futbolistas", sinalan desde a Confederación Intersindical Galega. 

Iso non quere dicir que a sindicación no mundo do deporte non exista, pois en moitas disciplinas contan con sindicatos propios. Un deles, a poderosa Asociación de Futbolistas Españoles (AFE), o máis importante dentro do deporte rei a nivel estatal e que na Galiza representa 650 xogadores, revela a este xornal que "a diferenza doutros sindicatos, como os convencionais, que se centran en todos os sectores produtivos, ou outros do noso sector nos que se poden afiliar calquera persoa que teña relación directa co mundo do fútbol, como masaxistas ou roupeiros, AFE defende unicamente os intereses dos e das futbolistas, evitando así posíbeis conflitos de intereses que xorden cando distintos gremios forman parte do mesmo sindicato". 

Un mundo de convenios 'de franxa', o mesmo sistema da estiba ou do control aéreo

Outra das causas detrás do distanciamento dos e das deportistas das centrais sindicais convencionais radica, como sinala AFE, en que "a actuación dentro do ámbito do deporte está regulamentada por unha lexislación específica. Xa que logo, nós entendemos que os convenios que se asinen son dos denominados 'de franxa' e, en principio, só deberiamos actuar os sindicatos que se presenten ás votacións para que os e as futbolistas, no noso caso, escollan as súas representantes. 

Eses convenios colectivos 'de franxa' son aqueles que regulamentan as condicións de traballo dun grupo de traballadores e traballadoras que teñen un perfil profesional moi concreto, e que polo tanto adoitan ser negociados por sindicatos do propio gremio. Algúns exemplos son a estiba, o control aéreo ou a condución de ferrocarrís.

O cal non é óbice para que, a maiores, se adapten ás particularidades de cada territorio, como demostra o nacemento en 2019 de Fútbol SindiCat, entidade que defende a "realidade diferencial" do fútbol catalán e o dereito a contar cunha selección oficial.

Comentarios