Entrevista

José Ignacio García, presidente da Federación Galega de Pelota: "A pelota é unha auténtica cura de saúde mental"

Madrileño de nacemento e galego de adopción, José Ignacio García Castro (1971) dirixe desde o ano 2018 a Federación Galega de Pelota, un deporte minoritario con 256 persoas federadas no que o peso da actividade recae na cidade da Coruña por atoparse alí o único frontón homologado que existe en todo o territorio.
O mandatario posa para 'Nós Diario' no frontón da Coruña. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O mandatario posa para 'Nós Diario' no frontón da Coruña. (Foto: Nós Diario).

Como foi a súa toma de contacto cun deporte como a pelota que está lonxe de ser de masas? 
Foi en León, na aldea da miña nai, onde pasaba as vacacións, e o único que había alí era un frontón, nada máis. Anos máis tarde, na década dos 90, xa residindo na Coruña, pasei polo frontón a ver que tal, pero deuse a circunstancia de que eu viña de xogar frontenis, coa raqueta, e aquí iso seica era cousa de xente maior (ri), así que collín a pala de madeira e a pelota de coiro. Probei e enseguida quedei enganchado, porque é máis rápida, máis esixente e máis divertida.

Que foi o que, parafraseándoo, o enganchou? E que lle diría a unha persoa que non está familiarizada con esta disciplina para animala a achegarse a un frontón?
É unha auténtica mágoa que non sexa un deporte algo máis coñecido, porque teno todo: velocidade, esixencia física, descarga de adrenalina... eu, o que máis boto en falta cando non podo xogar a hora e media que lle dedico, é esa forma de librarme da tensión, de esquecerme de todo, porque o xogo así o esixe. 

A pelota é para min unha auténtica cura de saúde mental, foi o mellor psicólogo que tiven na vida. Ademais, somos todos como unha pequena familia, pero de verdade, porque poden practicala desde os nenos até os máis maiores. Na Coruña, até hai ben pouquiño, todos os sábados viña xogar a paleta de coiro un señor de 83 anos. 

Paleta coiro, man, paleta goma, pala corta, frontenis, cesta punta, share... de todas as modalidades de pelota, cal é a máis popular a día de hoxe?
No País Vasco é a man a que máis se practica. Aquí, agora mesmo, é o frontenis, porque é máis accesíbel que as outras, cousa que non era así hai 30 anos, cando era minoritario.

En tempos tamén gustaba a cesta punta, de feito na Coruña houbo equipo até 2015, pero nos Estados Unidos, en Miami, comezou a facerse popular principalmente por ser un deporte moi ligado coas apostas, e os mellores pelotaris que había marcharon todos para alá porque gañaban un salario moi importante, incluso desapareceu o Campionato de España.  

Outrora, a pelota tiña sona de ser un deporte moi masculinizado, e incluso cunha imaxe relacionada máis con xente de certa idade que con persoas novas. Como foi a evolución no perfil e o número de practicantes desde a súa chegada á presidencia da Federación Galega?
Cando entrei como presidente, no 2018, un dos meus primeiros retos foi a incorporación da muller, pois non tiñamos ningunha, nin unha soa muller practicando pelota. E agora podemos dicir con orgullo que case son máis que nós, os homes, pois actualmente hai 70 mulleres pelotaris, das que todas fan frontenis. 

Persoalmente, estou moi orgulloso dun grupo de mulleres enfermas de cancro de mama que o pasan en grande practicando frontenis nunha actividade que organizamos xunto con Emalcsa. Con respecto á idade, situaría a media entre 35 e 45 anos, e na Federación Galega agora mesmo temos un total de 256 federados e federadas.

Caste todas na Coruña, non?
Si, ese é un dos hándicaps que temo para que o deporte avance, pois aí está o único frontón homologado oficialmente que cumpre cos requisitos da Federación Española para acoller competicións estatais ou internacionais.

Cal é o peso galego no seu deporte a nivel estatal?
Somos como a aldea gala de Astérix e Obélix, un pequeno reduto que dá moita guerra. Aí está a historia do Club Pelota da Coruña, que chegou a ser campión de España.

A independencia da Federación de Euskadi

A pelota vasca é un deporte con centurias de historia, pois segundo din algúns estudos as súas orixes remóntanse ao século XIII. Co tempo, xa entrado o século XX, chegou a ser un dos tres máis importantes da Península, con especial peso nas zonas da Rioxa, Navarra e Euskadi. Precisamente este último territorio, a través da súa Federación, leva anos loitando polo seu recoñecemento oficial e internacional para competir baixo a súa bandeira e non a da Federación Española.

"Alí ven a pelota como algo moi seu, moi autóctono, onde hai que xogar como se facía hai 100 anos, e iso xerou roces coa Estatal, que tiña en mente modernizar o deporte", explica José Ignacio García, que é membro da directiva da Federación Española", engadindo que a meta vasca é poder competir no Mundial de 2030, que terá lugar en Bilbao, "en igualdade de condicións e como Federación do País Vasco".

Comentarios