O Rally da Auga estrea en Ordes a tempada estatal de probas de terra

A proba muda de comarca e ten un comité da organización formado só por mulleres.
Xevi Pons e Rodrigo Sanjuán, no Rally da Auga 2022, pilotando un Škoda Fabia Rally2 evo (Foto: RFEA).
photo_camera Xevi Pons e Rodrigo Sanjuán, no Rally da Auga 2022, pilotando un Škoda Fabia Rally2 evo (Foto: RFEA).

O Rally da Auga está de aniversario e pensa celebralo con varias novidades de importancia. Unha delas é o cambio de escenario, pasando da comarca de Arzúa á de Ordes. Ademais, estrea un comité de organización integrado só por mulleres baixo a dirección de María Zas. Por último, adianta datas e decorrerá os días 24 e 25 de marzo, converténdose na  proba que inaugura a Copa de España de Rallys de Terra

A responsábel do rally, María Zas, admite a Nós Diario que é “toda unha responsabilidade” para o equipo “tendo en conta as mudanzas que fixemos” polo que “todo é novo”. Explica que a decisión de trasladarse de comarca tomouse “tras cinco anos na de Arzúa e ver que a terra tamén sofre, nos rallys moito máis que o asfalto”.

A petición municipal, daquela, dun "descanso" coincidiu co “esgotamento do equipo organizador”, unha situación que a piques estivo de facer desaparecer esta proba do calendario que tivo durante unha década varios nomes: Rally Concello de Curtis, Rally Terras de Mandeo e, finalmente,  Terra da Auga desde 2017.

“Este era o décimo aniversario e xa tiñamos un nivel, polo que falei cos rexedores da comarca de Ordes e animáronme a seguir”, relata Zas. Coa aprobación municipal púxose en contacto coas persoas que a acompañarían nunha aventura na que, afirma, “o beneficio que levas ao final é espiritual, non gañas nada a nivel económico, é todo un compromiso”. 

Zas é unha firme defensora da igualdade no mundo do motor e unha semana antes de que comece o rally explica que a experiencia está a ser moi positiva. “Non tivemos nin máis nin menos problemas que os homes, fun petar nas mesmas portas e tiven a mesma resposta”, aclara.

Os tramos

A carreira está centralizada na localidade de Ordes e, como sempre neste certame, os tramos son secretos e publícanse o día anterior á proba, aínda que acostuman coñecerse á noite da quinta feira anterior. “Son catro totalmente novos, a dobre pasada, de entre 12 e 15 quilómetros, moi rápidos e vistosos ademais de técnicos”, informa María Zas.

O día 24 haberá unha saída protocolaria na praza de María Pita, na Coruña, e despois os participantes farán un tramo de espectáculo -sen cronometrar nin contar para a carreira- perto de Ordes. As primeiras saídas decorrerán o sábado 25 de marzo, a partir das 8.15 horas, e rematarán ás 18.45 horas.

Inscricións

En relación ás inscricións, destacan como cabezas de cartel dous campións de España como son  José Antonio "Cohete" Suárez  e Iván Ares, con vehículos da clase Rally2. Ademais correrán os pilotos Juan Carlos Quintana e Oriol Gómez. A carreira terá unha participación moi internacional, con numerosos equipos chegados de Lituania, Francia, Italia, Bolivia, Turquía, Uruguai ou Andorra. 

O caso lituano é ben particular xa que haberá desta vez seis tripulacións que estarán en Ordes ao volante de vehículos da categoría N5. A presenza báltica débese á colaboración entre Samsonas Motorsport e RMC Motorpsort no envío e mantemento de vehículos N5 até ese país.

Comentarios