Entrevista

Diego Vallejo, copiloto no Dakar: "Este ano correremos máis á nosa bola, sen tanta presión"

O lendario Rally Dakar arranca motores dentro de exactamente dous días, o 31 de decembro, e en Arabia Saudita, onte xa está o galego Diego Vallejo, quen afronta a súa sétima edición. Copiloto de Óscar Fuertes, a súa meta non é outra que lograr rematar a proba máis dura do mundo unha vez máis.
Vallejo continuará defendendo as cores do equipo Astara. (Foto: Astara Team).
photo_camera Vallejo continuará defendendo as cores do equipo Astara. (Foto: Astara Team)

—Aterrou vostede hoxe en Arabia Saudita para afrontar un novo Dakar como copiloto de Óscar Fuertes. Despois de conseguir rematar a pasada edición, cal é o obxectivo en 2023?
Para min vai ser o sétimo Dakar que corro, fixen seis antes e logrei completalos todos, así que me gustaría rematar outra vez, sería todo un fito. Pero por outro lado quítame algo de presión, porque sei que xa teño un percorrido detrás que me avala, polo que poderei arriscar o que sexa necesario.

—Corre vostede o Dakar baixo a disciplina do equipo Astara, que chega aos dominios da casa de Saúd cunha das delegacións máis potentes do certame, encabezada por nomes tan importantes como Carlos Checa e Laia Sanz. Contento de seguir un ano máis nas súas filas?
Si, moi contento, e máis con eses nomes, que significan que tanto Óscar como eu teremos menos responsabilidade, pois ao non ser os tope de lanza do equipo poderemos correr un pouco máis á nosa bola, sen tanta presión de ter que acabar si ou si, porque nos anos anteriores se nós abandonabamos nas primeiras etapas, era un desastre para o equipo, porque non había ninguén máis para seguir na carreira e ter algo de retorno publicitario, que é o que buscan os sponsor que nos apoian.

—Neste Dakar competirán cun vehículo 01 Concept "100% sostíbel" de gasolina sintética que, segundo afirma Astara, consegue mellorar as prestacións e aumentar a potencia. Nun certame no que o consumo promete ser determinante, notarase esta evolución no plano competitivo?
Trátase dunha gasolina ecolóxica que ten unhas emisións de entre 30 e 10% de CO2, o que che chaman a pegada de carbono, que se compensa porque o carbono que emite colleuno antes da atmosfera, é dicir, que a pegada do coche vai ser cero. Pero o equipo quere ir máis aló e como viaxamos en avión e utilizamos unha serie de vehículos de apoio que non empregan biocombustíbel compensará esa pegada con proxectos de reforestación para ser 100% sostíbeis. 

E xa no plano estritamente deportivo, na presentación díxose que ese combustíbel ía darnos un pouquiño máis de potencia, pero o certo é que dá menos cabalos, pero como se traballou na electrónica en realidade seremos máis potentes, pois teremos máis par de motor

—O seu vehículo, desenvolto a partir do Century CR6, conta coa tracción traseira dun bugui 4x2, un pexo máximo en baleiro de 1.590 quilos, 331 kw e máis de 500 quilómetros de autonomía. Promete ser o mellor vehículo co que participou nun Dakar?
É moi similar ao do ano pasado, engadíndolle unhas pequenas modificacións a nivel de suspensións e de reglaxes. Estou moi contento, porque por fin despois de moito tempo con Óscar cambiando de modelo de coche este ano non cambiamos, o cal sempre é unha vantaxe.

—Semella que detrás de todos estes tecnicismos, 'palabros' e evolucións científicas esquécese que, en última instancia, o Dakar é unha das probas máis duras do mundo na que o rival é o deserto, ou incluso un mesmo. Que opinión lle merece o circuíto deseñado para este 2023?
No Dakar o percorrido detallado é segredo, eles só che din, por dicilo dalgún modo, que irás de Madrid a Barcelona por pistas e algúns outros detalles, como a cantidade de area que podes atopar. O que facemos é estudar as posibilidades que hai nos distintos terreos a través de Google Earth ou aplicacións semellantes, xa que viaxar alí está prohibido. Pero a miña experiencia dime que do que che din á realidade varía a cousa bastante.

O sportwashing de Arabia co Dakar

O recentemente finalizado Mundial de fútbol de Qatar foi, no fondo, unha manobra de sportwashing por parte do Emirato. Pero, que significa esa palabra inglesa? Trátase da forma popularizada para expresar a utilización do deporte por parte de réximes de distintos tipos co obxectivo de ocultar as violacións dos dereitos humanos que se cometen nos seus países detrás do veo do deporte. E desa técnica o indiscutíbel rei é Arabia Saudita, país no que se desenvolve o Rally Dakar desde o ano 2020.

Alí, desde hai un lustro, teñen lugar varios dos eventos deportivos máis importantes do planeta, incluíndo, ademais do Dakar, un circuíto golfístico que atrae moitos dos nomes máis potentes; varios premium live events anuais da WWE, a empresa de wrestling máis potente; unha proba do Mundial de Formula 1 ou incluso un torneo de tenis fóra da ATP que reparte tres millóns en premios.

Comentarios