O Rally de Pontevedra volve esta edición ao Salnés

Segunda edición do Rally de Pontevedra tras a pandemia, unha das citas do motor máis importante das súa comarcas. Jorge Pérez e Francisco Dourado confirman participación e animan as posibilidades de podio.
O centro neurálxico desta edición será Portonovo, Sanxenxo (Foto: Congostra Team Sanxenxo).
photo_camera O centro neurálxico desta edición será Portonovo, Sanxenxo (Foto: Congostra Team Sanxenxo).

O Rally de Pontevedra buscara consolidarse por segundo ano consecutivo, após o inicio en 2021 da recuperación do mítico Rally do Albariño que, por motivos de dereitos de propiedade, mudou de denominación.

“Decidimos volver sacar adiante un rally que merecía una segunda oportunidade”, apuntaba o seu presidente, Jose Otero Domínguez, “que o conseguíramos e que na súa primeira reedición foramos elixidos como mellor proba organizada do ano reafírmanos que imos polo camiño correcto”, engadía. 

A proba, cuarta cita dentro do Campionato Galego de Rallys, comezará hoxe desde a localidade de Portonovo, en Sanxenxo, onde se situará o parque de asistencia, as verificacións técnicas e cerimonia de saída a partir das 19.10 horas.

O primeiro tramo será o deste municipio, nas inmediacións do Polígono Industrial de Nantes. Na xornada do sábado, a organización segue apostando por tres tramos a tripla pasada. O primeiro deles, o de Meaño, mantense invariábel con respecto ao ano pasado. A continuación os pilotos disputarán o de Cerdedo-Cotobade, un especial que este ano realizarase en sentido contrario, mudando en parte o final.

O tramo final é o máis novidoso ao contar co percorrido mítico de Campo Lameiro-Moraña. “Era un especial que moitas afeccionadas e afeccionados pedíannos que recuperásemos e aquí témola”, indican desde a Escuadra Corredoira Team Sanxenxo

En previsión de contar con moito público nesa zona aconsellan "chegar con tempo, facer caso dos comisarios e procurar outros tramos interesantes que tamén son técnicos e rápidos".

O parque fechado final será en Portonovo e a entrega de trofeos levarase a cabo nas instalacións do Real Club Naútico de Sanxenxo ás 23.55 horas. 

Máis de 130 participantes  

Esta cita do motor contou, ao remate do prazo sinalado, con 135 inscricións. A disputa do podio estárá moi animada, en parte pola participación de deportistas como Jorge Pérez e Francisco Dorado. Este último sinalou nas redes sociais que volve ao campionato galego “co obxectivo de seguir preparando o noso programa na Copa de España de Rallys de Asfalto”.

Para a proba de hoxe explicou que contará como copiloto no seu Polo GTi Rally2 con José Murado, aínda que “Jose Pintor seguirémolo a ter moi perto nesta carreira”.

Comentarios