A praia de Patos convértese na capital estatal do surf adaptado

Un total de sete parasurfistas da Galiza encaran esta fin de semana, concretamente o próximo sábado día 28, un Campionato de España de Surf Adaptado que terá como gran aliciente ser a última proba que se leve a cabo a nivel internacional antes da disputa do Campionato Mundial de Huntington Beach, California.
O surfista coruñés Dani Souto é todo un veterano que subiu por primeira vez a unha táboa en 1986. (Foto: Daniel Almeida).
photo_camera O surfista coruñés Dani Souto é todo un veterano que subiu por primeira vez a unha táboa en 1986. (Foto: Daniel Almeida).

A praia de Patos, en Nigrán, xa é por dereito propio un dos grandes templos do surf xa non a nivel exclusivamente galego, senón mesmo internacional, condición que ratificará ao longo desta fin de semana, cando o sábado día 28 de outubro acolla -por terceiro ano consecutivo- o Campionato de España de Surf Adaptado (ou Parasurf).

Este certame está programada xusto antes do Campionato Mundial de Para Surfing que terá lugar a vindeira semana -entre o 5 e o 11 de novembro- en Huntington Beach, California (Estados Unidos de América), o que significa que en Patos actuarán varios dos e das deportistas estatais seleccionadas para desprazarse até os EUA buscando apurar a súa preparación.

Entre elas destacan Sarah Almagro, marbellí que con 18 anos sufriu unha amputación das súas mans e pés da que se sobrepuxo até o punto de tornar en referencia global neste deporte.

Tamén Antonio Daniel Muller, canario de orixe alemá sen mobilidade nas pernas que xa sabe o que é probar os meles do triunfo en Patos, pois en 2022 foi o campión na categoría Parasurf Prone 1 do Trofeo Concello de Nigrán de Surf Adaptado.

A madrileña Audry Pascual, que ademais de surfista de talle planetario na modalidade kneel é a vixente campioa do mundo de esquí adaptado; e, por suposto, o  galego Dani Souto, quen tras volver recentemente ao circuíto logo de superar un cancro nun ollo que o deixou parcialmente cego colgou do pescozo o pasado mes de xullo a medalla de ouro que o acreditaba como mellor surfista de Europa na modalidade Visual 2 ante o seu público nas augas de Valdoviño.

Non obstante, o coruñés non será o único competidor da Galiza, pois até Patos tamén se desprazarán David González (Prone 2), Senén Álvarez (Prone 2), José María Díaz (Prone 2), Pablo Cabezas (Visual 1), Santiago de Lima (Visual 2) e Alejandro Dosantos (Prone 2), todos eles pertencentes ao club local, Quenlla, quen medirán forzas cun total de 30 deportistas chegados de todos os currunchos do Estado español.

Comentarios