O parasurf monta a grande onda da vida en Valdoviño

O EuroParaSurfing, a maior proba de surf adaptado do continente, chega a Valdoviño (Ferrolterra) o próximo 1 de xullo. Alí estará o galego Dani Souto, que fai o seu regreso ao circuíto europeo despois de superar un cancro nun ollo, o que, ao tempo, levouno a voltar a un deporte do que levaba afastado xa 20 anos.
No seu primeiro torneo no mundo do surf adaptado, o Estatal de 2022, o deportista galego logrou facerse co triunfo final. (Foto: Daniel Almeida)
photo_camera No seu primeiro torneo no mundo do surf adaptado, o Estatal de 2022, o deportista galego logrou facerse co triunfo final. (Foto: Daniel Almeida)

Valdoviño, na comarca de Ferrolterra, unha das grandes mecas do surf non só na Galiza senón a nivel internacional, acollerá entre os días 1 e 7 do próximo mes de xullo o Campionato de Europa de Surf Adaptado. Alí estará o galego Dani Souto, quen chega co aval do título estatal que obtivo o ano pasado nunha das sete modalidades que conforman o parasurfing, concretamente na de Visual Impairment 2, onde participan persoas con cegueira parcial.

Porén, e a pesar de que as crónicas do seu triunfo resaltaban a súa condición de debutante, este ourensán de nacemento pero coruñés de adopción está lonxe de ser unha cara nova no mundiño do surf.

De feito, a primeira vez que subiu a unha táboa foi en 1986, tendo ás súas costas máis de 60 campionatos e 150 mangas, a maior parte delas na década dos anos 90, na que chegou a proclamarse campión da Galiza, participou na creación da Federación Galega de Surf, contaba con patrocinadores e era unha das caras máis habituais nas publicacións especializadas.

As circunstancias da vida levárono a abandonar o deporte que amaba en 2001 -após gañar a Copa Deputación da Coruña-, do mesmo modo que, coa anarquía coa que baten as ondas do mar, de novo os imprevistos que caracterizan a existencia humana devolveron Dani Souto enriba da táboa.

O surf, ferramenta para superar un drama persoal

Case 20 anos despois da súa retirada, en 2019, un desprendemento de retina levou Souto ás urxencias hospitalarias, onde recibiu a peor das novas: padecía un raro caso de cancro nun ollo. "Ingresáronme inmediatamente —explica a Nós Diario— para operarme de urxencia, e grazas a Deus os médicos lograron evitar a metástase".

E aínda que a radiación curou a doenza, por desgraza trouxo consigo unha serie de efectos secundarios que derivaron en que fose perdendo a vista nun ollo até deixalo totalmente cego. "Ademais, provocoume danos no nervio óptico do outro, polo que miro algo distorsionado", engade.

Todo este cumio de malas novas chegáronlle no duro contexto da pandemia da Covid-19 e cun fillo de apenas un ano de idade co que non podía xogar por estar obrigado a gardar repouso absoluto durante máis dun ano, un escenario absolutamente dramático no que atopou consolo no deporte que unha vez amara, o surf.

"Cando estaba na cama recordei os meus anos de vivencias no mar, e medrou en min a necesidade de volver surfear para axudarme a min e aos demais, porque o deporte é unha terapia fabulosa", apunta Dani Souto, apostilando que "as cousas foron saíndo ben, até o punto de que a federación, sabedora de que quería volver, animoume a participar en competicións de surf adaptado por todo o que podo achegar pola miña experiencia, así que regresei aos adestramentos diarios, que fago case sempre nas praias de Matadoiro ou Orzán despois de deixar as crianzas na escola".

Sen ser un camiño de rosas, xa que o sentido da vista xoga un papel non pequeno nesta modalidade deportiva, o seu regreso competitivo foi chegar e bicar o santo: en setembro de 2022 vencía na súa primeira competición, o Estatal, unha inmellorábel sinal de cara a un Europeo do que, pase o que pase en Valdoviño, xa é un dos grandes gañadores.

Unha historia de amor co mar que nace no interior e estoupa nas praias da Coruña

Daniel Souto naceu en Ourense no ano 1975. Porén, como tiña familia na Coruña axiña realiza a súa primeira aproximación co mar, unha relación que se intensifica cando se traslada á cidade herculina con nove anos. Pouco despois, en 1986, sube a unha táboa de bodyboard, ponte a un surf do que disputa o seu primeiro Campionato Galego en 1991 (imaxe superior esquerda), despuntando ao longo da década dos 90 (segunda e terceira fotografía) para retirarse en 2001 e volver  xa no 2022.

Comentarios