Nigrán volverá a ser a capital do surf adaptado por segundo ano consecutivo

Até 50 surfistas confirmaron a súa asistencia do 23 ao 24 de setembro á segunda edición trofeo Concello de Nigrán de surf adaptado (23 de setembro) e o Campionato Galego e Estatal deste deporte (24 de setembro).
A surfista andaluza, subcampioa mundial, Sarah Almagro (Foto: Nós Diario)
photo_camera A surfista andaluza, subcampioa mundial, Sarah Almagro (Foto: Nós Diario)

A praia de Patos, en Nigrán, volverá a ser esta sexta feira, e  tamén o sábado, un exemplo en todo o país do verdadeiro surf universal. O areal acollerá por segundo ano consecutivo o trofeo Concello de Nigrán de surf adaptado (23 de setembro) e o Campionato Galego e Estatal deste deporte (24 de setembro).

Ademais, como parte desta competición, o Concello volverá a contar, entre outros, con Aitor Francesena 'Gallo', actual campión estatal e internacional de Surf Adaptado na categoría para invidentes, que ofrecerá unha charla sobre este deporte adaptado no Pavillón de Panxón a primeira xornada ás 20 horas.

Alén diso, como acontece noutros eventos deste deporte, terá lugar o sábado a partir das 21 horas o festival 'Rock in Patos' coa presenza do espectáculo Mitic creado polos músicos Álvaro e Suso Costas

Participación de nivel 

Segundo informou a organización durante a presentación realizada onte no escenario do evento, confirmaron a súa asistencia até 50 surfistas, tamén internacionais, con diversas discapacidades e agrupados en diferentes categorías atendendo a súa especificidade (invidente total ou parcial, falta de extremidades superior ou inferior, surfistas que collen a ola sentados ou tumbados).

Unha das participantes é a andaluza Sarah Almagro, subcampioa mundial amputada das extremidades inferiores e superiores e que xa competiu o ano pasado en Nigrán. Tamén estará Pablo Cabezas, invidente vigués absoluto que aprendeu a practicar surf da man de Luis Pena (Quenlla Surf Clube). 

"Facer surf é unha experiencia divertida"

"Non somos de cristal, podemos asumir algúns riscos tamén, facer surf é unha experiencia divertida e gratificante, así que animo a que se o teñan en conta máis persoas discapacitadas e que haxa máis apoio e visibilización", argumentaba Pablo Cabezas desde Nigrán. Neste sentido, Román Díez, actual presidente da Federación Galega de Surf, destacaba a gran idoneidade da praia de Patos para o surf adaptado "por ser un areal sen correntes e con ondas non demasiado xigantes". 

Igualmente, como na primeira edición de 2021, a través do propio Quenlla Surf Clube realizaranse durante as xornadas varios bautismos de surf para persoas con diversidade intelectual pertencentes a entidades que estarán presentes, como o CEE Juan María, a Fundación Melena, Igualarte ou o Centro San Francisco.

Comentarios