Motoclicismo

Jorge Prado volve do soño americano cun 'Top-10'

O piloto galego estreouse no prestixioso circuíto AMA Supercross.
A toma de contacto do lucense -na imaxe, voando sobre a súa moto GasGas- coas probas estadounidenses foi moi positiva.  (Foto: Europa Press).
photo_camera A toma de contacto do lucense -na imaxe, voando sobre a súa moto GasGas- coas probas estadounidenses foi moi positiva. (Foto: Europa Press).

23 anos é unha idade máis que perfecta para testear os límites, propios e alleos, ao mesmo tempo que se fan realidade os soños. Con esa mentalidade, o piloto galego Jorge Prado, que o pasado mes de setembro de 2023 facía historia proclamándose campión do mundo de MXGP, a categoría raíña do motocross, vén de rematar un novo reto ao outro lado do Atlántico.

Porque o planeta, ás veces, obsérvase aínda a día de hoxe desde unha perspectiva eurocéntrica, e, como acontece en non poucos deportes, téndese a ignorar o que acontece en probas estadounidenses, caso do prestixioso circuíto AMA Supercross.

Alí decidiu pórse a proba o flamante campión do mundo, xogándose o seu prestixio ao lanzarse á competición sen apenas experiencia nin tempo para adaptarse, nun salto ao baleiro do que, afortunadamente, Prado aterrou coas dúas rodas onde correspondía.

Porque logo dos catro primeiros eventos do certame o seu nome emerxe no 'Top-1o' da clasificación xeral, estando en todo momento metido nas carreiras, dando mostras de todo o seu potencial e mirando cara a cara aos grandes nomes da disciplina.

Sen tampouco querer arriscar a súa presencia no inicio do Mundial MXGP, onde defenderá título, o seu principal obxectivo do ano, o piloto lucense de Gas Gas logrou un oitavo posto como mellor resultado, sendo duodécimo na combinada e décimo na xeral.

"Estou moi contento coa experiencia, foron unhas semanas inesquecíbeis, coñecendo un campionato que é incríbel, con decenas de miles de espectadores e un ambiente moi especial", dixo, en declaracións facilitadas polo seu equipo de prensa.

"Non tivemos sorte coas choivas -dixo laiándose do tempo, pois a lama xerada por estas marcou o desenvolvemento das citas no lendario Angel Stadium de Anaheim e o Oracle Park de San Francisco, ambos no Estado de California- e iso impediume poder rodar máis en condicións normais para poder adaptarme e sacar mellores conclusións. Realmente só puiden probar en dúas carreiras en seco e notei a miña progresión como para saber que con máis tempo e máis carreiras podería mellorar, o que me fai estar motivado para o futuro".

O Mundial chegará a Lugo en maio

O próximo mes de maio, Jorge Prado terá a oportunidade de ser profeta na súa terra, xa que a Federación Internacional de Motociclismo e Infront Moto Racing (MXGP) incluíu no calendario do próximo Campionato do Mundo de Motocross unha cita en territorio galego. 

Deste modo, o adianto ao mes de marzo do Gran Premio de España, en Madrid, abriu a posibilidade da situación nas datas que deixou libres, o 11 e 12 de maio, do primeiro Gran Premio da Galiza. A sede escollida para albergalo, como non podía ser doutro modo, foi un circuíto que leva o nome do vixente campión máximo da MXGP, Jorge Prado.

Mais este non será o único espectáculo de relevancia que recibirá o trazado lucense, pois terá como aperitivo unha proba do Campionato de España de Motocross na súa categoría elite.

Programado os días 24 e 25 de febreiro -xusto dúas semanas antes de que o Mundial bote a rodar na Arxentina-, será a segunda carreira do Estatal e reunirá no circuíto da cidade da Muralla representantes das tres clases superiores: MX1, MX2 e 125 centímetros cúbicos.

Comentarios