O Goberno galego xustifica un Louzán á defensiva

"Os seus feitos priman sobre as palabras", di o secretario xeral para o Deporte.
Lete, secretario xeral para o Deporte (á esquerda), con Louzán. (Foto: RFGF).
photo_camera Lete, secretario xeral para o Deporte (á esquerda), con Louzán. (Foto: RFGF).

"Estes son os meus principios, se non lle gustan... teño outros!". A frase, erroneamente atribuída a Groucho Marx, define á perfección o modus operandi do presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Rafael Louzán, en todo o relativo ao 'Caso Rubiales'.

Despois de que hai unha semana, e ao lado da campioa do mundo Tere Abelleira, xustificase o comportamento do seu homólogo da Estatal dicindo que "son erros que se cometen na vida" e que "xa pediu desculpas", agora, nun xiro copernicano, sostén que o bico non consentido sobre Jenni Hermoso foi "impropio" e que por iso pide "a súa dimisión".

En declaracións á Televisión da Galiza (TVG), o ex deputado popular e presidente da Deputación de Pontevedra afirmou que nun principio "non lle dera a dimensión que tiña" ao feito por Luís Rubiales, e confesou a súa molestia pola "utilización" do suspendido dirixente dos presidentes das Territoriais, como é o seu caso, nunha Asemblea Extraordinaria na que el aplaudiu varias veces a Rubiales e, como se pode ver xusto no final do vídeo publicado pola conta oficial da RFEF, acude pola súa propia vontade a estreitar a man de Rubiales.

Lete Lasa responsabiliza o Goberno estatal

O secretario xeral para o Deporte da Xunta da Galiza, José Ramón Lete Lasa, saíu na defensa do ex político do Partido Popular, valorando "os feitos máis que as palabras" do actual presidente da RFGF.

"As declaracións eu non sei se as fixo ou non as fixo. Nun primeiro momento minimizouse e frivolizouse, tratouse equivocadamente. Tamén houbo algúns medios de comunicación que non lle deron importancia. Así que me gusta máis a xente polo que fai que polo que di, e todos os presidentes autonómicos pediron a dimisión de Rubiales por actos que non eran acordes á lei, nin co respecto á muller nin co decoro debido", argumentou Lete Lasa.

Botando balóns fóra, Lete engadiu que, "como lle pasou a moitos", el viu "a moitos compañeiros dos medios de comunicación que en principio non lle deron a dimensión que despois foi collendo a situación". 

Ademais, cargou contra o Goberno estatal, ao que acusou de "protexer" a Rubiales "por conveniencia", razón pola cal "terán que dar explicacións".

Comentarios