Centenario do Celta

Da Roda a C. Tangana pasando por Keltoi: as cancións que mellor homenaxean o Celta

Multitude de artistas de moi variados estilos musicais quixeron dedicar uns versos a un clube de fútbol que o vindeiro 23 de agosto será centenario. Aquí repasamos os mellores temas, que para moitas e moitos tornaron en himnos que corear en Balaídos, e pedimos a opinión do celtismo.
Algunhas das cancións máis emblemáticas para a parroquia celeste xunto a imaxes da bancada de Balaídos, C. Tangana, A Roda e Keltoi.
photo_camera Algunhas das cancións máis emblemáticas para a parroquia celeste xunto a imaxes da bancada de Balaídos, C. Tangana, A Roda e Keltoi.

Hai menos dun mes o artista Antón Álvarez, coñecido no mundo da música como C. Tangana, pasaba a formar parte da —case— centenaria historia do Real Club Celta grazas á súa Oliveira dos cen anos, o himno que lle encargou o clube para conmemorar os seus 100 primeiros anos de vida. Anos antes A Roda, historia da música popular da Galiza, dera vida ao que até o pasado curso era o himno co que os xogadores saltaban ao céspede de Balaídos e que inspirou o lema do Celta, "afouteza e corazón". Tamén lembran os vigueses e viguesas o xa mítico "díxolle ao sobriño o tío".

Porén, son moitos máis os artistas que quixeron dedicar uns versos ao equipo xurdido o 23 de agosto de 1923 da fusión dos dous clubes punteiros da cidade olívica —Real Fortuna e Vigo Sporting—, e de feito así pode sentirse tamén na nova canción composta por C. Tangana: "Un escudo no meu peito / Sempre Celta!". Dúas icónicas proclamas da banda Keltoi! que o seu vocalista, Sime, reproduce na Oliveira e que fan parte dos dous grandes himnos cos que honran o Celta, 1923 e Unhas cores, un sentimento.

Pero non só Keltoi!, A Roda ou agora C. Tangana cantaron á bancada celtiña, e iso sábeno ben en Balaídos. Artistas locais como Alberto Comesaña ou Siniestro Total tamén tiveron en conta o Celta, así como os rockeiros de Astarot e a mítica banda Milladoiro. Tamén músicos máis recentes como Ganjahr Family que homenaxean o máximo goleador da historia do clube e actual capitán, Iago Aspas, a quen a bancada tamén lle dedicou unha adaptación do Freed From Desire de Gala Rizzatto, Aspas on fire.

A continuación reproducimos os principais himnos e cancións que diferentes artistas, de moi variados estilos musicais e épocas, lembran o Celta e os seus principais referentes, de Aspas a Aleksandr Mostovoi —tamén unha figura do deporte rei no seu país, Rusia, onde lle dedicaron un tema—, para que sexa o celtismo o que decida cal é a mellor na enquisa diaria que publicamos en Nós Diario co gallo do centenario do Celta.

C. Tangana - Oliveira dos cen anos

A Roda - Himno do RC Celta

A Roda - Foliada do Celta

Keltoi - 1923

Keltoi - Unhas cores, un sentimento

Cantos de taberna 'A de Sabas' - Camiño de Balaídos

Astarot e Milladoiro - Suite celeste

Alberto Comesaña - Himno á Champions (1999)

Siniestro Total - Trueno Azul

A canción de Mostovoi

Ganjahr Family - Feel like Iago

Comentarios