VÍDEO | O Celta estrea himno: así recibe a afección a 'Oliveira dos cen anos'

A presenza de artistas galegas como as Lagharteiras, a Coral Casablanca ou 'Sime', o vocalista de Keltoi!, e un videoclip cos seareiros e seareiras como protagonistas inzan de eloxios a obra de C. Tangana, que tamén recibe algunhas críticas.
C. Tangana, no centro da imaxe, arrodeado da afección celtiña.
photo_camera C. Tangana, no centro da imaxe, arrodeado da afección celtiña.

"Oliveira dos cen anos / cría raíces de prata / tomar amores non custa / olvidalos si que mata / olvidalos si que mata / eu non os quero esquecer / na ledicia son celeste / celtista no padecer". O retrouso da Oliveira dos cen anos, o himno co que o Real Club Celta dá inicio oficialmente á celebración do seu centenario, ficará por sempre no imaxinario colectivo de Vigo. O artista madrileño Antón Álvarez 'C. Tangana', de pai vigués e celtista, foi o encargado de liderar a produción dun tema que pasa a formar parte da historia do equipo e que pon en valor a cultura musical galega.

O himno do centenario ten autoría colectiva, pois a C. Tangana sumáronse nos últimos meses, nun longo proceso de pre e pos produción, o catalán Cristian Quirante Catalán 'Alizzz' e os galegos Xosé Lois Romero, Xisco Feijóo, Quico Comesaña e Simeón Cantó Gavira 'Sime', este último un vello coñecido da parroquia celeste por ser o vocalista de Keltoi!, banda responsábel de temas moi queridos en Balaídos como Unhas cores, un sentimento e 1923. Seu é, de feito, o "Un escudo no teu peito; sempre Celta!" que se escoita no retrouso, dúas referencias aos temas antes mencionados.

Canda a súa aprécianse, tamén, as voces e as pandeiretas das Lagharteiras e Lilaina, a pegada da emblemática Coral Casablanca e a presenza tamén dos músicos Pablo Drexler e Alizzz. E, como non podía ser doutro modo, e como anticipo do que se vivirá cada dúas fins de semana en Balaídos, as gorxas das Tropas de Breogán da afección celeste.

A canción puideron coñecela na tarde desta quinta feira, en exclusiva, unhas poucas seareiras e seareiros privilexiados. Pouco despois, o Celta publicou nas súas redes o videoclip que xa é historia do clube e que contén imaxes filmadas na illa de San Simón, as bateas da ría de Vigo e as inmediacións da ponte de Rande. Centenares de celtistas participaron de parte da gravación o pasado mes.

"Para min ser do Celta sempre foi un acto subversivo, militante. Ser do Celta está moi guapo. É un orgullo ser deste equipo", dicía esta quinta feira un Antón Álvarez que "toda a vida", asegurou, tivo que insistir en que é "do Celta, con orgullo". "Quería transmitir con este himno unha forma de vivir o celtismo", reiterou, ante a atenta mirada do seu propio pai, presente na cerimonia canda o primeiro equipo, o corpo técnico e a directiva.

O resultado final foi, en termos xerais, moi satisfactorio para o celtismo. "Superaches todas as expectativas", celebraba un usuario de Twitter. "Parabéns por esta homenaxe á cultura galega", sinalaba outra. Os parabéns transcenderon até o terreo político, pois mesmo o BNG, cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu ao acto de presentación, felicitou o traballo de C. Tangana e o Celta.

A presenza de Redondela e San Simón, no foco

Non faltaron tamén, con todo, algunhas críticas ao videoclip e a canción que representará o Celta de agora en adiante. Nomeadamente pola elección da illa de San Simón para filmar boa parte do vídeo, pois hai quen considera que, debido ao seu pasado como epicentro da represión franquista non debería utilizarse para un himno dun equipo de fútbol, ou pola presenza de Redondela, "proporcional á ausencia de Vigo", cuestionaba unha usuaria.

Nas redes sociais citáronse outros emprazamentos emblemáticos da cidade olívica como o monte do Castro ou a praza de América, onde a afección celeste celebra os seus éxitos, que algunhas persoas botaron en falta na peza audiovisual dirixida por C. Tangana. Tampouco faltaron quen consideraron o tema "máis unha canción que un himno" para cantar cada domingo no estadio.

Comentarios