Centenario do Celta

Así evolucionou o escudo do Celta ao longo de 100 anos... Cal é o mellor?

Coa cruz de Santiago e sen ela. Coa coroa e sen ela. Vermello, azul mariño e azul celeste. Cal é o que máis representa o Real Club Celta de Vigo?
Evolución do escudo do Real Club Celta.
photo_camera Evolución do escudo do Real Club Celta.

Desde que o 23 de agosto de 1923, após a fusión dos dous equipos punteiros de Vigo, o Real Fortuna e o Vigo Sporting, un grupo de entusiastas do fútbol deron vida ao Real Club Celta, o seu escudo experimentou numerosas mudanzas. Iso si, sempre -ou case sempre- incluíndo no seu interior os característicos dous 'C' de 'Club Celta'.

O primeiro, vermello, igual que a súa equipación, se ben estaba destinado a levar, tanto na insignia como na camiseta, as cores do país. Esa era unha obsesión dun dos seus principais artífices da fusión do Vigo e o Fortuna, Juan Baliño Ledo, pois "defendeu a capa e espada as cores da bandeira da Galiza", así como que "o azul celeste tamén debía ir no escudo", segundo documenta o historiador Fernando Gallego Arzuaga no volume Historia do Celta: 90 anos de paixón por Vigo.

A cruz de Santiago chegou ao escudo en 1928 -ou 1926, segundo algunhas fontes-, mentres a coroa ficou presente desde os inicios ao herdala dos dous equipos que lle deron vida. Porén, desapareceu coa chegada da II República española, e naqueles anos é habitual atopar imaxes nas que se recolle na vestimenta dos celtiñas unicamente a cruz de Santiago como emblema, sen o tradicional escudo cos 'C'.

A forma que adopta a cruz para dar forma á insignia non foi tampouco a mesma, pois o seu tamaño variou de forma significativa. E mudou tamén co paso do tempo a tonalidade do azul, primeiro tirando a mariño e logo recalando no celeste. Após o golpe de Estado de 1936 e a instauración da ditadura, así e todo, atópanse imaxes dos xogadores portando nas camisetas tanto o escudo de novo coa coroa como sen ela.

O deseño actual data da segunda década do presente século e supón unha lixeira actualización do deseño que se empregara desde finais do XX e principios do XXI. Tamén é moi semellante ao utilizado na década dos 90, cunha cruz algo máis alongada pero seguindo a mesma liña.

Agora, co gallo do centenario, o Celta rende homenaxe á Galiza e envolve o escudo celtiña nunha bandeira do país na que se inclúen os anos 1923 e 2023.

E, para ti, cal é o escudo máis bonito ou que mellor representa o Real Club Celta? Vota na nosa enquisa!

Comentarios