Baloncesto

O Supremo ve "desproporcionados" e "discriminatorios" os requisitos que impediron o ascenso do COB á ACB

Para o tribunal, "o elevado importe destas condicións económicas e a súa aplicación desigual [...] comporta unha clara desvantaxe para os novos aspirantes, que limita a súa posibilidade de acceso á devandita competición e constrínxelles a permanecer na división de categoría inferior o que, desde unha perspectiva económica, condiciona os seus ingresos económicos por entradas e patrocinadores".
O COB venceu na eliminatoria final do play-off o Breogán de Lugo. (Foto: COB)
photo_camera O COB venceu na eliminatoria final do play-off o Breogán de Lugo. (Foto: COB)

O Tribunal Supremo asegura, nunha sentenza coñecida esta cuarta feira, que a Asociación de Clubs de Baloncesto (ACB) incorreu nunha conduta "incompetitiva" ao estabelecer unhas condicións económicas —especialmente as referidas á 'cota de entrada' e ao fondo de ascensos— "desproporcionadas" e "discriminatorias" aos equipos que pretendían ascender desde a LEB Ouro. Refírese, nomeadamente, ás fases de ascenso entre as tempadas 2011-12 e 2015-2016, e entre os prexudicados está o COB de Ourense.

Para o tribunal, "o elevado importe destas condicións económicas e a súa aplicación desigual [...] comporta unha clara desvantaxe para os novos aspirantes, que limita a súa posibilidade de acceso á devandita competición e constrínxelles a permanecer na división de categoría inferior o que, desde unha perspectiva económica, condiciona os seus ingresos económicos por entradas e patrocinadores".

Desde a Sala do contencioso-administrativo consideraron que dita actuación "limita notabelmente" a capacidade destes aspirantes para competir, "pois un equipo de baloncesto procedente da liga LEB Ouro necesita un mínimo de cinco tempadas de participación na liga ACB para poder amortizar a cota de entrada imposta". Así as cousas, os maxistrados confirmaron a existencia dunha infracción, pero reduciu o importe da sanción imposta de 400.000 a 200.000 euros.

Os xuíces consideraron que só queda acreditado un efecto contrario á competencia durante 5 anos —fronte aos 25 que apreciaba a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC)— e que durante ese tempo as condicións económicas foron aprobadas pola Federación Española de Baloncesto. Na sentenza, o tribunal explicou que aínda que iso "non serve para exonerar de responsabilidade á ACB", si "debe tomarse en consideración para minorar a súa responsabilidade", dado que dita Asociación puido "actuar durante ese tempo na confianza de que estaban a actuar dentro da legalidade".

Na resolución, da que foi relator o maxistrado Diego Córdoba, consta que as condicións económicas para ascender e poder participar na liga ACB acordábanse pola Asemblea da ACB. Por iso, enténdese que existiu un acordo dunha "asociación de empresas", dado que os clubs profesionais de baloncesto que integran a ACB "non só desenvolven unha actividade deportiva senón tamén son empresas, desde a perspectiva das normas de competencia, en canto entidades con actividade económica que ofrecen servizos nun mercado".

En 33 folios, os maxistrados lembraron que os equipos que no ano 2015 desexaban participar na liga ACB e non pertencesen á asociación debían pagar aproximadamente 4,7 millóns de euros máis IVE —polo canon de entrada e fondo de regulación de ascensos e descensos—. Para o Supremo, o estabelecer unhas condicións económicas "esixentes" para o ascenso "beneficiaba claramente" aos clubs que xa integraban a liga ACB non só porque se repartían o importe desa cota de entrada, senón tamén porque no caso de que algún dos equipos que tiñan dereito ao ascenso non lograse cumprir as condicións económicas impostas, o club mellor clasificado en praza de descenso tiña a opción de permanecer na liga ACB.

Neste sentido, o alto tribunal conclúe que esta situación tivo unha "incidencia efectiva" nos ascensos e descensos que deberían producirse entre a tempada 2011/2012 á 2015/2016, nas que dos dez equipos —dous por tempada— que deberían ascender, e entre eles o COB —en 2015—, só tres conseguiron cumprir todas as condicións económico-administrativas requiridas.

Comentarios