Luís Vilariño disputará as oito probas do Europeo de Rally

O galego conta co apoio da Deputación de Lugo
A proba na que competirá Vilariño é a máis importante despois do Mundial (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera A proba na que competirá Vilariño é a máis importante despois do Mundial (Foto: Deputación de Lugo).

A lucense Praza de San Marcos acolleu durante a xornada de hoxe a presentación do vehículo co que o equipo do piloto Luís Vilariño competirá no Campionato de Europa de rally, o FIA European Rally Championschip (ERC), a competición de automobilismo máis importante despois do Mundial.

Esta será a primeira vez que un equipo galego afronte integramente o campionato, nun proxecto deportivo que conta co apoio da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

"Mantemos diferentes liñas de axuda ao automobilismo, axudando a probas emblemáticas como o Rally San Froilán, creando o Rally da Mariña, bolsas para pilotos ou o Volante Deputación, que permite aos pilotos noveis iniciarse neste deporte", explicou o deputado de Deportes, Efrén Castro.

"Con este proxecto damos un paso máis e contribuímos á participación galega na competición máis importante despois do Mundial", subliñou.

Este tamén destacou a "visibilidade" que a competición dará ao automobilismo, en xeral, e ao deporte galego e lucense, en particular, "grazas á súa retransmisión pola canle Eurosport e ao impacto que o campionato ten nas redes sociais".

Vilariño, que xa puxo a proba o Skoda Fabia R5 Evo 2 en carreiras do Supercampionato de España, participará nas oito probas do campionato europeo, que se desenvolverán en países como Portugal, Polonia, Letonia, Italia, República Checa ou Italia, sendo a primeira cita o vindeiro día 18 de xuño.

O piloto de Palas salientou o "reto deportivo e loxístico" que supón acudir a estes eventos, e agradeceu a colaboración da área de Deportes para afrontalo.

Comentarios