Fútbol

O Lugo despídese da Segunda División 11 anos despois

A vitoria do Racing de Santander tras unha nova derrota do conxunto albivermello consuma o seu descenso á Primeira RFEF.
Miguel Loureiro persegue o malaguista Cristian na derrota do Lugo fronte ao Málaga deste domingo. (Foto: CD Lugo)
photo_camera Miguel Loureiro persegue o malaguista Cristian na derrota do Lugo fronte ao Málaga deste domingo. (Foto: CD Lugo)

O que desde hai varias xornadas xa comezaba a parecer inevitábel tornou hai escasos minutos en cruenta realidade: o Club Deportivo Lugo consuma, a falta de cinco partidos, o seu descenso de categoría á Primeira RFEF. Remata así unha etapa dourada na historia do equipo albivermello na que encadeou 11 tempadas consecutivas en Segunda División, após o ansiado retorno de 2012 dúas décadas despois da primeira —e única até ese momento— incursión na liga de prata.

Logo de concluír as últimas tempadas na metade baixa da táboa e en dúas ocasións roldando o descenso —na 18ª posición, a un punto do 'pozo' no curso 2020-21 e a dous no 2018-19—, a fortuna non acompañou este ano un Lugo que entrou na zona vermella na xornada 15 e non a abandonou desde aquela.

A esta xornada chegaba o equipo dirixido por Íñigo Vélez como fechacancelas, a 14 puntos da permanencia. As posibilidades de evitar o descenso eran xa moi reducidas, mais para manter esa última esperanza era preciso vencer ao Málaga no Anxo Carro e confiar nunha derrota do Racing de Santander ante o Granada para recortar a distancia.

Porén, o Lugo caeu este mediodía (0-2) e agora os cántabros acaban de vencer na casa (1-0), polo que o equipo galego fica a unha xa oficialmente insuperábel diferenza de 17 puntos cando só resta unha quincena en xogo.

Á fronte do equipo comezou o pasado verán Hernán Pérez, irmán do ex futbolista do Celta Michu e que chegaba á cidade amurallada procedente do Real Madrid Xuvenil. Foi destituído o 21 de novembro, deixando o equipo na 20ª praza con 14 puntos en 16 partidos.

Nese momento a directiva decidiu facer unha arriscada aposta elixindo como substituto Fran Justo, que na altura lideraba o grupo 1 da Segunda RFEF cun Arenteiro —xa ascendido á Primeira RFEF, na que o próximo ano terá diante o Lugo— que asombraba polo seu fútbol e que quedaba emparellado co Atlético de Madrid na Copa. Justo só durou dous meses, até o 31 de xaneiro de 2023, co Lugo a cinco puntos da salvación.

Logo foi a quenda de Joan Carrillo, o que menos durou no banco este curso: cinco partidos, cun balance de cero victorias, dous empates e tres derrotas. Na xornada 30, nunha situación xa especialmente crítica co equipo en última posición a 12 puntos do 18º, a directiva confiou en Íñigo Vélez, quen até o momento tampouco foi quen de lograr os tres puntos nun encontro e con catro empates e tres derrotas na súa conta.

Comentarios