Fala a IA: o Lugo ten menos posibilidades de salvarse que de gañar o 'Gordo' de Nadal

Os cálculos de ChatGPT dan case por feito o descenso albivermello 
As caras longas e os brazos en xerra son a tónica habitual nos futbolistas albivermellos xa desde finais do pasado ano 2022. (Foto: LFP).
photo_camera As caras longas e os brazos en xerra son a tónica habitual nos futbolistas albivermellos xa desde finais do pasado ano 2022. (Foto: LFP).

A situación do Club Deportivo Lugo é desesperada. O conxunto decano da Segunda División, onde milita desde o ano 2012, ocupa a último posto na clasificación xeral logo de obter tan só 27 puntos en 36 partidos, ficando a 14 do equipo que marca o limiar da salvación, o Rácing de Santander, que acumula 41.

Con estes datos, e máis tendo en conta que a escuadra albivermella non foi quen de sumar de tres en tres no que vai de ano 2023, concretamente desde que vencera no Ángel Carro o Granada pola mínima (1-0) o 17 de decembro de 2022, dicir que ten "pé e medio" na Primeira Federación transcende o concepto do tópico futbolístico para tornar nunha triste realidade para a afección do Club Deportivo Lugo e do fútbol galego en xeral.

Mais, canto de certo é iso de que o Lugo ten "pé e medio" na categoría de  bronce? Segundo a ferramenta de predicións do portal especializado Besoccer, non hai esperanza algunha e a entidade da cidade da Muralla é carne de descenso cun 100% de probabilidades.

Non obstante, Nós Diario decidiu recorrer a unha ferramenta cada vez máis en boga, a Intelixencia Artificial (IA) de Chat GPT, para que desenvolva unha serie de cálculos estatísticos máis exactos e transparentes.

Por suposto, a IA é consciente de que "factores que non se poden prever" como "lesións, suspensións, tácticas, etc." condicionan totalmente os resultados nun deporte tan dinámico e vivo como é o fútbol, pero deixa claro que as probabilidades de que o Lugo milite na campaña 2023/24 na Segunda División son "moi baixas".

Mesmas posibilidades que de gañar o 'Gordo' 

Para obter a cifra final, Chat GPT ten en conta a situación actual da clasificación xeral, na que Lugo (27), Ibiza (29), Ponferradina (36), Málaga (36) e Rácing de Santander (41) pelexarán por unha salvación que semella practicamente garantida para Sporting de Xixón (45), Mirandés (45) e Leganés, Oviedo, Vilarreal B, Huesca e Tenerife, todos eles con 46. 

A Intelixencia Artificial ditamina que para salvarse o conxunto galego necesita alcanzar a cifra mínima de 42 puntos ou máis, o que significa gañar cinco dos seis partidos que lle quedan por disputar ou vencer en catro e empatar en dous, polo que obtería 41 e empataría cun Santander ao que superaría no golaverage particular. Isto implica que o conxunto cántabro non debe sumar máis dun punto nas próximas seis xornadas, o que combinado ten, segundo Chat GPT, unha posibilidade de acontecer de 0,016%

Lamentabelmente, o Rácing non é o seu único rival para salvarse, polo que tamén depende do que fagan Ibiza, Ponferradina e Málaga, todos eles con escenarios máis favorábeis que o Lugo. Por iso, a IA tivo en conta todas as posíbeis combinacións de resultados dos partidos restantes dos equipos involucrados, concluíndo que a probabilidade de que o Lugo empate ou supere logo da xornada 42 o Rácing de Santander ao mesmo tempo que non o logran Málaga, Ponferradina ou Ibiza é de 0,00144%, cifra moi próxima á de gañar o Gordo da Lotaría de Nadal, que é de 0,001%. Por todo isto, á afección do Lugo, a estas alturas, só lle queda encomendarse á fe cega e irracional do xogador.

Comentarios