Deteñen un mozo como suposto autor da agresión ao futbolista xuvenil do Lugo

Gonzalo Cuéllar permanece ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti. 
Un coche da Policía española. (Foto: Europa Press)
photo_camera Un coche da Policía Nacional (Foto: Europa Press).

A Policía española detivo na tarde da segunda feira un mozo como presunto autor da agresión a Gonzalo Cuéllar, o futbolista de 18 anos do equipo Xuvenil División de Honra do Club Deportivo Lugo, que continúa ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Segundo informa a Comisaría Provincial, a detención produciuse na última hora da segunda feira  após uns feitos que ocorreron na madrugada do sábado ao domingo, nunha zona de lecer nocturno na rúa Clérigos.

O futbolista, irmán do xogador do CD Lugo Jaume Cuéllar, recibiu unha puñada tras unha discusión e tivo que ser trasladado en ambulancia até o HULA, onde ingresou na UCI pero con evolución favorábel. Ao longo da segunda feira foi derivado a planta.

Denuncia

Os axentes, e despois de que a familia presentase denuncia o domingo, iniciaron unha investigación na que tomaron declaracións a todos as posíbeis testemuñas. Así, tras estas dilixencias, lograron determinar a presunta autoría das lesións.

Desta maneira, a última hora da segunda a Policía española detivo o home que supostamente propinou a puñada ao mozo.

O presunto agresor permanece ingresado en calabozos en dependencias policiais após tomarlle declaración. A previsión é que pase a disposición xudicial na mañá desta terza feira.

Apoio do club

Tras este suceso, o Club Deportivo Lugo emitiu o domingo un comunicado para enviar todo o seu "apoio e forza" á vítima e á familia: "O club atópase xunto a eles e en contacto constante".

"A familia 'albivermella' únese para arroupar a Gonzalo, a Jaume e á súa familia neste complicado momento e condena enerxicamente, como non podía ser doutra maneira, este desprezábel suceso", conclúe o conxunto.

Comentarios