Ensino de Lugo e Baxi Ferrol chegan ao derbi coa obriga de gañar

Ambos están inmersos na zona baixa da clasificación
Ensino e Baxi precisan gañar. (Foto: Ensino).
photo_camera Ensino e Baxi precisan gañar. (Foto: Ensino).

A vixésimo sétima xornada da Liga Endesa, a máxima categoría do baloncesto feminino estatal terá mañá ás 18 horas (Pazo Provincial dos Deportes, Lugo) un feche de ouro co derbi galego que enfrontará os dous únicos representantes da Galiza na competición, as locais do Durán Maquinaria Ensino e Baxi Universidade de Ferrol.

Ambas as escuadras necesitan imperiosamente o triunfo -máis a visitante-, pois están inmersas na zona baixa da clasificación, pois o Ensino é décimo segundo con dez triunfos en 26 encontros e o Baxi fecha a táboa con tan só sete vitorias.

O técnico ferrolá, Lino López, é perfectamente consciente de que a estas alturas "cada partido é unha final", e máis tendo en conta que apenas quedan catro datas para o final da Liga. Na mesma liña se manifestou a súa xogadora Carmen Grande, quen sabe que o derbi de mañá "é un partido a vida ou morte, porque está todo apertadísimo".

En Lugo, a escolta internacional Alba Prieto gabou ás súas rivais sinalando que son un bloque "moi versátil, que xoga moi aberto e excelentes ao contraataque", e apuntou que para superalas necesitarán "estar moi agresivas e moi activas desde o inicio, en especial na defensa".

Duro duelos para Obradoiro e Breogán

Na ACB, os homólogos de Ensino e Baxi na competición masculina, Obradoiro e Breogán, encaran a fin de semana coa intención de sumar cadanseu triunfo que os achegue ao obxectivo final. 

No caso dos da capital, compiten hoxe ás 18 horas contra Baxi Manresa, e de gañar non só marcaría distancias co descenso, senón que lle faría un favor ao derrotar a un rival directo dun Breogán que continúa aspirando ao play-off, para o que terá que vencer o Burgos (mañá, 12.30 horas) do seu ex adestrador, Paco Olmos.

Comentarios