Judo Club A Coruña, o éxito da experiencia

O Judo Club A Coruña celebrou este ano o seu 46º aniversario dedicado ás artes marciais con vitorias na Copa de España. A entidade naceu en 1975 da man de Bernardo Romay, mestre e adestrador 7º Dan, toda unha lenda nesta disciplina. A súa historia corre parella á da entidade que máis satisfaccións deu neste deporte.
Deportistas do Judo Club A Coruña que conseguiron medallas no recente Campionato de España Sub-15 (Federación Galega de Judo).
photo_camera Deportistas do Judo Club A Coruña que conseguiron medallas no recente Campionato de España Sub-15 (Foto: Federación Galega de Judo).

O Judo Club A Coruña conta os campionatos polos metais gañados. Esta pasada fin de semana volveu da Copa de España con cinco medallas de ouro e catro de bronce que poden sumar ás 14 que obtivo no recente campionato galego. Na Galiza hai máis de 200 clubs deste deporte e nas comarcas da Coruña suman máis de 80. Cal é o segredo? Se cadra está na experiencia que lle dan 46 anos de traballo e unha filosofía que implica todo un estilo de vida. 

Non se entendería a existencia do Judo Club A Coruña sen o seu fundador e presidente, Bernardo Romay, que con 69 anos segue a dirixir esta entidade. O seu primeiro contacto co judo foi casual, como explica a Nós Diario, froito dunha confusión hai máis de 50 anos. "Eu quería aprender guitarra e achegueime ás instalacións do conservatorio que coincidían, daquela, nos locais cun ximnasio da Federación galega", lembra, "trabuqueime de porta e atopei un amigo facendo judo que me animou a ir con el". Con poucos medios  -non había nin quimonos-  ano e medio despois quedou campión galego de todas as categorías.

Foi titular coa selección galega até que lle chegou o servizo militar e accedeu ao equipo da Mariña en Ferrol. Daquela coñeceu o profesor Luís Cano, que organizara o Judo Club Ferrol, para Romay "o mellor club de judo que había".

Rematou por ir a Ferrol "fichado" case tres anos até que se decidiu por volver até A Coruña onde deu clases en varios colexios que fomentaban este deporte. "Daba aulas mesmo aos pais, mais o problema era que moitas veces nin tiñamos auga quente nas duchas, polo que acabei por montar un ximnasio". 

Dos inicios do Judo Club A Coruña en 1975 até hoxe 

Un deses pais cos que trataba nos colexios facilitoulle o lugar onde se instalaría o club que nacía en 1975. Na súa traxectoria conseguiu contar con máis de 50 campións de España, catro subcampións de judo e de jiu Jitsu e un deportista olímpico. "Puidemos contar con tres participantes en Xogos Olímpicos mais antes era moi difícil ter o apoio das institucións", asegura. Relata, por exemplo, como tiñan que facerse cargo dos gastos cando quedaron campións da Copa de Suecia e entraran no circuíto europeo

Nas instalacións do club sumaron outras disciplinas como karate, aikido e jiu jitsu, esta última, como explica Romay, "a arte marcial nai de todas as xaponesas". Considera que na actualidade é "o centro máis preparado a este nivel na Galiza" e debe o seu éxito deportivo "ao seu profesorado". Para este judoka é importante ter "moita paixón" polo traballo, "algo fundamental en calquera profesión", ademais de dedicarse á base "con todo o corazón". 

Para practicar este deporte non hai idade, polo menos na Coruña. Neste club comezan con catro anos e entre os de máis idade hai un alumno de 81 anos e outro de 76 anos. "O ambiente no club é moi bo, non admitimos ningunha falta de respecto nin aos profesorado nin entre o alumnado", di.

Metodoloxía diferente

Unha das características máis rechamantes do club é que as familias poden ver os adestramentos. "A preparación física en serio comeza a partir dos 12 anos, antes tentamos que desenvolvan as súas cualidades a través de circuítos" coa intención de "facer que a alumna ou o alumno sexa máis coordinado para que sexa máis veloz e polo tanto máis forte", relata. 

Na aprendizaxe do respecto tamén entra a relación coas e cos árbitros. "Nas competicións amigábeis que realizamos como adestramento teñen que arbitrar tamén e logo pasan a ser arbitrados, algo moi pedagóxico e elemental para que entendan que sen esa figura non habería torneos". 

"Outra das nosas características metodolóxicas é a linguaxe", afirma Romay. Empregan unha linguaxe diferente para as crianzas que lles facilite comprender as diferentes chaves sen ter que acceder de primeiras ao seu nome en xaponés. "Todo é a través do xogo", conclúe. 

O futuro do judo galego

Para este veterano judoka o futuro deste deporte será extraordinario. Lembra que a semana pasada Laura Vázquez conquistaba a medalla de prata mundial en categoría júnior. "Ten 18 anos polo que ten moito futuro", indica o fundador do club coruñés.

Na boa forma do judo galego ten moito que ver a importancia que se lle está a dar no país "á técnica, á táctica e á psicoloxía" neste deporte. Romay colle prestadas as palabras de Carlos Gestal, psicólogo do seu club, cando di que "o adestramento é o que dá seguridade ao deportista". E na Galiza hai deportistas que a teñen.

Comentarios