Galiza preparada para sumar medallas en Toquio

Faltan poucos días para que se inicien en Toquio os XXII Xogos Olímpicos e, ao remate desta cita, os XXII Xogos Paralímpicos. A Galiza xa fixo oficial unha primeira listaxe de deportistas que aseguraron a súa participación e que agardan mellorar os resultados que se conseguiron en 2016.   
Ana Peleteiro nun triplo salto feminino durante o Mundial de atletismo en pista cuberta Gold Madrid 21 (AFP7 / Europa Press).
photo_camera Ana Peleteiro nun triplo salto feminino durante o Mundial de atletismo en pista cuberta Gold Madrid 21 (AFP7 / Europa Press).

A piques de comezar os XXII Xogos Olímpicos e os posteriores XII Xogos Paralímpicos da historia que terán lugar en Toquio, a presenza galega sumou unha importante representación que está a superar todas as previsións. Cos datos oficiais facilitados pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta da Galiza, ao fechamento desta edición contan con praza para ambas as citas un total de 39 deportistas, 25 en representación dos Olímpicos e 14 nos Paralímpicos.

Fontes desa mesma institución lembran que a listaxe aínda podería incrementarse por non ter rematado algunhas das competicións clasificatorias. 

Opcións de medallas nestes Xogos de Toquio

O incremento na participación galega aumenta as posibilidades de ter máis opcións para entrar no medalleiro, tendo en conta que na anterior cita, a de Río 2016, eran 16 e conseguiuse unha única medalla pola boa participación do padeeiro Cristian Toro e o seu ouro en K-2 de 200 metros.

Agora en Toquio, tendo en conta as actuacións e a forma en que chegaron ao Xapón, salientan os nomes do triatleta Javier Gómez Noya, en vela Tamara Echegoyen, os regatistas Iago López e Nico Rodríguez, os padeeiros Carlos Arévalo e Rodrígo Germade así como en atletismo Ana Peleteiro e Adrián Ben.

En deportes de equipo non hai que esquecer a presenza no balonmán de deportistas como Rodrigo Corrales e Alicia Fernández, en baloncesto Alberto Abalde e Raquel Carrera, e por último en fútbol o porteiro Iván Villar. Para os Paralímpicos as opcións multiplícanse coa presenza de Sebatián Rodríguez en natación, Alejandro Vidal en parataekwondo, Susana Rodríguez en Tríatlon e Juan Antonio Saavedra en Tiro Olímpico. 

A inauguración destes Xogos Olímpicos de Toquio, após ter que aprazarse con motivo da pandemia mundial da Covid-19 en 2020, terá lugar a vindeira sexta feira 23 de xullo de 2021 no estadio olímpico da capital xaponesa, e rematará o 8 de agosto.

Despois será a quenda dos Paralímpicos que teñen previsto iniciarse nesa mesma cidade o día 24 de agosto e a súa finalización o 5 de setembro.

A listaxe (provisional):

Olímpicas e Olímpicos

Ana Peleteiro Brión (Atletismo, Triplo), Adrián Ben Montenegro (Atletismo, 800 m), Belén Toimil Fernández (Atletismo, Peso), Alberto Abalde Díaz (Baloncesto), Raquel Carrera Quintana (Baloncesto), Tamara Abalde Díaz (Baloncesto), Rodrigo Corrales Rodal (Balonmán), Alicia Fernández Fraga (Balonmán), Enmanuel Reyes Pla (Boxeo, 90 kg), Iván Villar Martínez (Fútbol), Nikoloz Sherazadishvili Sakvarelidze (Judo e D.A., 90 kg), María Bernabeu Avomo (Judo e D.A., 70 kg), Francisco Garrigós Rosa (Judo e D.A., 60 kg), Alberto Gaitero Martín (Judo e D.A., 66 kg), Julia Benedetti González (Patinaxe, Skateboarding Park), Teresa Portela Rivas (Piragüismo, K1 200), Carlos Arévalo López (Piragüismo, K4 500), Rodrigo Germade Barreiro (Piragüismo, K4 500), Antía Jácome Couto (Piragüismo, C1 200), Xosé Caetano Horta Pombo (Remo, Dobre scull lixeiro), Daniel Castro Barcala (Tiro con Arco, Arco recurvo), Francisco Javier Gómez Noya (Tríatlon), Nicolás Rodríguez García-Paz (Vela, 470), Tamara Echegoyen Domínguez (Vela, 49er) e Iago López Marra (Vela, 49er).

Paralímpicas e paralimpicos

Gustavo Nieves Campello (Atletismo, Maratón), Adiaratou Iglesias Forneiro (Atletismo, 100 m.), Desirée Vila Bargiela (Atletismo, Lonxitude), María Victoria Alonso Vilariño (Baloncesto C.R.), Agustín Alejos Alonso (Baloncesto C.R.), David Mouriz Dopico (Baloncesto C.R.), Manuel Enrique Lorenzo Díaz (Baloncesto C.R.), Jacobo Garrido Brun (Natación, 400 libres), Sebastián Rodríguez Veloso (Natación, 200 libres S5), Adrián Mosquera Rial (Piragüismo, VL3), Alejandro Vidal Álvarez (Taekwondo, K43 – 61 kg), Martín De La Puente Riobo (Tenis C.R.), Juan Antonio Saavedra Reinaldo (Tiro Olímpico, Carabina tendido) e Susana Rodríguez Gacio (Tríatlon).

Comentarios