luns 18/10/21

Resístese a primeira medalla galega

O deporte galego gasta outra clara posibilidade de medalla. Nikoloz Sherazadishvili, quen se proclamara campión do mundo de judo hai apenas un mes, estivo moi preto na gran cita olímpica, pero caeu derrotado na loita pola medalla de bronce ante o usbeco Davlat Bovonov, o seu rival na final do Mundial.
O rostro de Nico Shera reflicte a súa decepción logo de caer por Waza-Ari na técnica de ouro. (Foto: COE).
O rostro de Nico Shera reflicte a súa decepción logo de caer por Waza-Ari na técnica de ouro. (Foto: COE).

Despois da de Javier Gómez Noya, a de Nikoloz Sherazadishvili era unha das principais opcións de medalla para o deporte galego nestas primeiras datas dos Xogos Olímpicos de Toquio, mais, como no caso do lendario triatleta ferrolá, non puido ser.

Shera chegaba como un dos máximos favoritos a facerse coa medalla de ouro, avalado polo título de campión do mundo conseguido hai pouco máis dun mes, e acreditou esa condición superando o mongol Altanbagana Gantulga e o sueco Marcus Nyman, pero caeu ante o ruso Mikhail Igolniko, que conseguiu deixalo literalmente desmaiado sobre o tatami cunha espectacular manobra. 

Na repesca, volvía perder, nesta ocasión ante o usbeco Bobonov, vítima dun Waza-Ari no tempo da técnica de ouro, correndo así a mesma sorte de María Bernabéu, que tamén quedou fóra de Toquio a mans dunha competidora rusa, no seu caso Madina Taimazova.

Mellor xornada tiveron as deportistas galegas que se desenvolven no medio acuático. Iago López Marra, na clase 49er de vela, está situado na segunda posición logo de tres regatas, a un só punto da embarcación británica.

Tamén en virtuais postos de podio están Támara Echegoyen e Nico Rodríguez. A galega protagonizou unha remontada para a memoria e sitúase a sete puntos do ouro e dous da prata, mentres que o vigués non renuncia ao máis alto do caixón e agarda poder superar Australia e Nova Zelandia no que resta de competición.

Non tivo tanta sorte Caetano Horta, que quedou fóra da pelexa polas medallas, aínda que ten por diante a posibilidade de volver a casa co diploma olímpico debaixo do brazo se realiza un bo papel na final 'B' do día de hoxe, que promete ser un día interesantísimo para as amantes do baloncesto.

A razón? Ás 10.20 horas Raquel Carrera volve á acción ante Serbia, nun encontro que podería supor o debut de Tamara Abalde, logo de non xogar no primeiro partido da competición, a diferenza do seu irmán Alberto, que foi titular no encontro inaugural e volverá contar con minutos hoxe ás 12.30 ante Arxentina. 

comentarios