Xustiza

'Caso Rubiales': Jorge Vilda, imputado polas "presións" a Jenni Hermoso

O ex seleccionador español comparecerá ante o xuíz da Audiencia Nacional o vindeiro 10 de outubro canda outros dous altos cargos da RFEF, Albert Luque e Rubén Rivera, logo de que o irmán da futbolista afirmase en sede xudicial que Vilda a presionara para protexer a Luis Rubiales.
Luis Rubiales saudando a Jorge Vilda nunha rolda de prensa da selección española. (Foto: Oscar J. Barroso / AFP7 / Europa Press)
photo_camera Luis Rubiales saudando a Jorge Vilda nunha rolda de prensa da selección española. (Foto: Oscar J. Barroso / AFP7 / Europa Press)

O xuíz da Audiencia Nacional que investiga o ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) Luis Rubiales polo bico que deu sen consentimento á futbolista Jennifer Hermoso na entrega de trofeos do Mundial en Sidney (Australia), o pasado 20 de agosto, vén de citar como investigado o ex seleccionador da selección española, Jorge Vilda. Deberá comparecer ante o maxistrado o vindeiro 10 de outubro. E non só el, senón tamén outros altos cargos da Federación, no marco das supostas presións a Hermoso para que non seguise adiante coa denuncia do sucedido.

Así, o titular do Xulgado Central de Instrución Número 1, Francisco de Jorge, imputou Vilda nesta causa e cambiou a condición de testemuña a investigado ao director da selección española masculina, Albert Luque, e o responsábel de Marketing da RFEF, Rubén Rivera, que acompañarán o ex adestrador o día 10 do vindeiro mes. Esta decisión do maxistrado chega despois de que esta segunda feira o irmán de Jennifer Hermoso asegurase en sede xudicial que Vilda presionara polo bico de Rubiales a súa irmá. Tanto el como unha amiga da xogadora ratificaron, aliás, que o bico non foi consentido.

No marco desta investigación xudicial, o maxistrado tamén escoitou dous peritos que ratificaron o informe achegado pola defensa de Rubiales á Audiencia Nacional. Ese documento incluiría unha lectura dos beizos de Rubiales nos instantes previos ao bico que propinou a Hermoso e buscarían confirmar a versión defendida polo acusado de que "si houbo consentimento". Esta mesma semana, o maxistrado recibiu a través da Embaixada de Australia o certificado do contido de todos os delitos do Código penal daquel país en relación cos feitos investigados e que son aplicábeis no Estado australiano de Nova Gales do Sur.

O instrutor tomará tamén declaración esta sexta feira como testemuñas ao ex director de Integridade, Miguel García Caba, e a xefa de prensa da selección feminina, Patricia Pérez. Ademais, interrogará o próximo 2 de outubro como testemuñas as xogadoras Alexia Putellas, Irene Paredes e Misa Rodríguez.

As preguntas da Fiscalía

A tenente fiscal da Audiencia Nacional, Marta Durántez, preguntou a Rubiales por cinco persoas durante o interrogatorio ante o xuíz do pasado 15 de setembro, no marco da causa aberta contra el polos presuntos delitos de coaccións e agresión sexual. As fontes consultadas explicaron entón que o Ministerio Público tratou de pescudar se esas cinco persoas, entre as que se inclúen Vilda e os mencionados Luque e Rivera, tratarían de coaccionar á xogadora tras o bico forzado.

Tras o interrogatorio, o instrutor acordou a pedimento de Fiscalía que Rubiales non poida comunicarse coa xogadora durante a instrución da causa aberta, prohibíndolle achegarse a ela a menos de 200 metros. Segundo fontes fiscais, Rubiales negou ante o xuíz que se producisen as coaccións á xogadora e a súa contorna, así como que houbese falta de consentimento no bico nos beizos. O ex presidente da Federación contestou as preguntas de todas as partes durante os perto de 45 minutos que durou a súa declaración como investigado.

A imputación

Foi o pasado 12 de setembro cando o xuíz citou Rubiales. Nese momento, o maxistrado admitiu a querela presentada pola Fiscalía polos delitos de agresión sexual e coaccións. Nun auto, o maxistrado acordou as primeiras dilixencias neste procedemento, entre elas solicitar de RTVE o vídeo ou vídeos que teñan nos seus arquivos que recollan o momento desde todos os ángulos no que o querelado bica a denunciante, así como os minutos inmediatamente anteriores e posteriores ao feito relativos á celebración do triunfo no Mundial.

Aliás, requiriu ao xornal El País o vídeo da celebración no vestiario que ten colgado na internet e ao diario AS o do momento do bico e calquera outros relacionados cos feitos. Pola súa parte, ao diario La Vanguardia o instrutor solicitoulle o vídeo da celebración no autobús da selección española.

Comentarios