Análise

A presión forza a dimisión de Rubiales

"Ding Dong! The Witch is dead. Which old Witch? The Wicked Witch! Ding Dong! The Wicked Witch is dead". Non caeu a Cruel Bruxa do Mago de Oz, non, senón outra personaxe que tamén adquirira características de malo de conto, o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales.
O ex presidente da RFEF, Luis Rubiales, durante unha rolda de prensa cando aínda estaba no cargo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales. (Foto: RFEF)

O xa ex mandatario federativo, Luis Rubiales, dixo adeus a un cargo que ocupaba desde 2018 logo de presentar unha dimisión que anunciou a través da súa conta en X case entrada a madrugada da noite do domingo á segunda feira. "Tras a veloz suspensión realizada pola FIFA, máis o resto de procedementos [xudiciais] abertos contra a miña persoa, é evidente que non volverei ao meu cargo; insistir en quedarme non contribuirá a nada positivo, nin á Federación nin ao Fútbol español", afirmou.

Non obstante, nun texto no que non menciona en ningún momento nin a futbolista Jenni Hermoso nin o bico sen consentimento que lle deu en Sydney (Australia) durante a celebración do recentemente concluído Mundial de fútbol o 20 de agosto, Rubiales non desaproveitou a oportunidade para vitimizarse sinalando que existen "poderes fácticos" que "impedirían" o seu regreso ao cargo que ostentaba até que a FIFA decidiu suspendelo durante 90 días o 26 de agosto.

"Debo mirar cara adiante, mirar ao futuro. Agora hai algo que me ocupa con firmeza. Teño fe na verdade e vou facer todo canto estea na miña man para que prevaleza. As miñas fillas, a miña familia, a xente que me quere sufriu os efectos dunha persecución desmedida, así como de moitas falsidades", queixábase o xa ex presidente da RFEF, cargo que será ocupado por Pedro Rocha de forma interina até que se designe o seu sucesor definitivo.

O seu nome sairá dunhas eleccións que se desenvolverán no primeiro semestre de 2024 e nas que o voto recaerá sobre as mesmas persoas que aplaudiron case unanimemente Rubiales na Asemblea Extraordinaria do 25 de agosto na que, fóra de si, repetía mentres golpeaba o estrado a frase "non vou dimitir!". Entre elas, por suposto, o responsábel da territorial Galega, Rafael Louzán, que aínda non se pronunciou sobre a dimisión do seu homólogo estatal.

Fin a cinco anos de polémicas

O adeus de Luis Rubiales ao cargo de presidente da Real Federación Española de Fútbol despois de cinco anos pon fin a unha etapa marcada pola polémica, seguindo así unha tradición de escándalos que rodea o cargo desde hai décadas, pois o seu predecesor, Ángel María Villar (1988-2017), foi destituído polo Tribunal Supremo pola súa implicación na Operación Soule.

A Supercopa en Arabia supuxo unha das principais controversias. (Foto: RFEF)
A Supercopa en Arabia supuxo unha das principais controversias. (Foto: RFEF)

Non levaba nin un mes no cargo cando, nunha manobra interpretada como unha forma de dicir "aquí estou eu", destituíu o seleccionador estatal, Julen Lopetegui, a falta de dous días para o comezo do Mundial.

Despois chegou o contrato, comisión de 24 millóns de euros incluída, para levar a Supercopa a Arabia Saudita; os continuos enfrontamentos con David Aganzo —o seu sucesor á fronte da AFE, que dirixiu entre 2010 e 2017, tempo no que foi acusado de pagar a súa casa con fondos do sindicato— e co outro 'home forte' do fútbol español, o presidente da Liga, Javier Tebas; espionaxe, orxías e outra infinidade de pequenas polémicas que o acompañaron até o seu último día no posto.

Comentarios