Xustiza

A Fiscalía pide unha orde de afastamento para Rubiales após a vista na Audiencia Nacional

O ex presidente da RFEF insiste en que o bico a Jenni Hermoso foi "consentido" nunha comparecencia de 45 minutos diante do xuíz.
Luis Rubiales e a letrada Olga Tubau na Audiencia Nacional (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera Chegada á Audiencia Nacional de Luis Rubiales e a letrada Olga Tubau, esta sexta feira. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

O —desde a pasada segunda feira— ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, negou esta sexta ante o xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge que houbese coaccións e falta de consentimento no bico que propinou á xogadora da selección española Jenni Hermoso na entrega de medallas do Mundial en Sidney (Australia), o pasado 20 de agosto.

Fontes da Fiscalía citadas pola axencia Europa Press confirmaron que Rubiales contestou as preguntas de todas as partes durante os perto de 45 minutos da súa declaración como investigado. O Ministerio Fiscal, pola súa parte, pediu que se lle prohiba achegarse a menos de 500 metros a Hermoso e comunicarse con ela durante a instrución da causa. Ademais, demandou ao titular do Xulgado Central de Instrución Número 1 que deba comparecer cada quince días no xulgado máis próximo.

Luis Rubiales acudiu esta segunda feira ao tribunal andando xunto á súa avogada, Olga Tubau, e percorreron xuntos o corredor até a entrada do edificio. Alí agardaban arredor dun centenar de xornalistas de diferentes medios de comunicación, aos que, coln todo, o ex futbolista rexeitou ofrecer declaracións antes da súa comparecencia.

Foi esta mesma semana cando o xuíz decidiu citalo para hoxe a partir das 12 horas. Na segunda feira, o maxistrado admitiu a trámite a querela presentada pola Fiscalía polos delitos de agresión sexual e coaccións contra Rubiales polo bico na boca, sen consentimento, a Hermoso.

Nun auto, o maxistrado acordou as primeiras dilixencias neste procedemento, entre elas solicitar de RTVE o vídeo ou vídeos que teñan nos seus arquivos que recollan o momento desde todos os ángulos no que o querellado bica a denunciante, así como os minutos inmediatamente anteriores e posteriores ao feito relativos á celebración do triunfo da selección de fútbol feminino.

Ademais, requiriu ao xornal El País o vídeo da celebración no vestiario que ten colgado na internet e ao diario AS o dos momentos do bico e calquera outro relacionados cos feitos. Pola súa parte, ao diario La Vanguardia o instrutor solicitou o vídeo da celebración no autobús da selección española.

Comentarios