A impotencia apodérase do celtismo: a afección pide "respecto" por parte da liga española ante un novo "roubo" arbitral

A polémica xerada polo cuestionábel uso do VAR no partido do sábado entre o Celta e o Sevilla ten os seareiros celestes furiosos. Son moitos os puntos que os vigueses levan perdidos por mor dos árbitros esta temporada e por iso, parte do celtismo pide ao club xogar na liga portuguesa.
O enésimo escándalo arbitral sufrido polo equipo o sábado contra o Sevilla foi a gota que debordou o vaso da paciencia olívica. (Foto: RC celta).
photo_camera Seareiros celestes sosteñen unha pancarta coa palabra 'respecto' durante o partido ante o Sevilla (Foto: RC celta).

Furiosa, exasperada, colérica, anoxada, irritada... O dicionario de sinónimos fica curto para describir como se encontra a afección do Celta de Vigo após o acontecido este sábado.

O conxunto vigués enfrontábase a un Sevilla que o supera na táboa de clasificados. O conxunto celeste necesitaba unha vitoria por moitos motivos, evidentemente para saír dos postos de descenso en que se encontra, mais, se cadra, para subir a moral dun equipo que o precisa como a auga.

Certo é, porén, que o xogo do conxunto dirixido por Benítez non o é o mellor mais o acontecido ante o Sevilla “non ten nome” que diría aquel. Poñámonos en situación:

Últimos minutos do encontro, o marcador mostra un 1-1 e o olívico estadio de Balaídos empuxa enerxicamente o seu equipo en busca dun gol que lles dese a vitoria e entón, acontece o impensábel. O sevillista Navas agarra claramente o celtista Douvikas ante un centro do tamén celtista Dotor. Douvikas cae na área rival e, con bo criterio, o árbitro, Hernández Hernández, sinala penalti.

As bancadas viguesas estouran de alegría. É posíbel, o Celta vai ter unha oportunidade de gañar un partido na casa nos últimos instantes do encontro. Entón entra o VAR.

Video Assistant Referee, o amigo VAR, cuxa principal misión é, suponse, axudar os labores arbitrais nas máximas categorías do fútbol. A idea é axudar os colexiados e facer do deporte rei un xogo que sexa o máis imparcial e xusto posíbel. Mais nesta temporada iso parece que non se aplica ao Celta de Vigo.

O penalti é claro e os seareiros celestes non acaban de comprender porque hai que analizar tanto a xogada e é entón cando a indignación e impotencia invaden Balaídos. Nunha decisión cualificada por moitos como “incomprensíbel”, Hernández Hernández anula o penalti que el mesmo sinalara creando un escenario de raiba colectiva nun equipo que xa non soporta “o despropósito” nun ano que debería ser de celebración xa que o Celta fai o seu centenario. 

A estrela celeste Iago Aspas mesmo pedía aos seus compañeiros de equipo que abandonasen o campo ante tal inxustiza. E é que xa son múltiples as ocasións en que o VAR prexudica o conxunto vigués e xa se contan por decenas os puntos “roubados” ao Celta que lle permitirían estar nunha posición moito máis cómoda na táboa.

Xogar en Portugal?

Ao sur do Miño hai un país que é coñecido polo nome de ‘Portugal’. As conexións entre os países galego e portugués son innegábeis en moitos ámbitos. Non obstante, hai un ámbito en que, polo de agora, a conexión non é tan grande e ese é o do fútbol.

Após o acontecido o sábado, son centos os seareiros do Celta que piden que non se soporte este menosprezo por parte da liga española e que piden ao Celta que xogue na Liga Nós, a máxima categoría do fútbol portugués. Non é tan fácil como pedilo e, con toda probabilidade, non vai acontecer mais, e se puidese acontecer?

Así, Nós Diario pregunta ás persoas lectoras e fans do Celta, se se dese a posibilidade, apoiarían que o Celta de Vigo xogase na Liga Nós portuguesa? Poden participar na enquisa que ofrecemos relacionada a esta información.

Máis en DEPORTES
Comentarios