Leva Carlos Mouriño anos tentando vender o Celta?

As polémicas rodean o presidente do Real Club Celta, Carlos Mouriño, cuxa familia, a través do grupo GES, posúe a maior parte das accións da entidade.
O ex presidente do RC Celta, Carlos Mouriño. (Foto: RC Celta).
photo_camera O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, intervén durante o acto do club polo seu centenario na Cidade Deportiva Afouteza, en Mos (Foto: RC Celta).

A familia de Carlos Mouriño, presidente do Celta é a propietaria do club vigués a través do grupo GES xa que contan coa maior parte das accións da entidade.

Segundo adiantou o diario El Mundo, a familia de Mouriño leva “anos” tentando vender o club. Para iso terían contactado coa consultora FTI.

De acordo con El Mundo, Mouriño tería pedido 200 millóns de euros a un grupo estadounidense, algo que o devandito grupo tería rexeitado por estar “fóra de mercado”.

O proxecto GS360

Todo isto, aparentemente, antes da declaración de Interese Autonómico por parte da Xunta da Galiza do proxecto GS360, un macroproxecto do Celta no concello de Mos para instalar alí a súa cidade deportiva.

Este proxecto quere instalarse nos montes de Tameiga, ante o que gran parte da veciñanza do lugar se opón. De facto, a Comunidade de Montes de Tameiga, acompañada de representantes de Ecoloxistas en Acción, a plataforma A Auga é Vida ou as agrupacións locais de PSOE e BNG, rexistrou a comezos de setembro na sede da Xunta en Vigo milleiros de alegacións contra o proxecto.

Nas alegacións presentadas na delegación viguesa da Xunta, a Comunidade de Montes salienta que, perante a declaración de Proxecto de Interese Autonómico (PIA), o Goberno galego "persegue a reclasificación de terreos clasificados como solo rústico polo vixente PXOM de Mos, en beneficio, única e exclusivamente, da entidade privada promotora, e iso  sen pasar polo procedemento legalmente previsto no artigo 83 da Lei do solo da Galiza para a modificación do planeamento urbanístico municipal".

Comentarios