Alerta vermella en Vigo pola gran crise de resultados do Celta

Segundo peor inicio ligueiro na historia celeste
Rafa Benítez con Iago Aspas nun adestramento (Foto: RC Celta).
photo_camera Rafa Benítez con Iago Aspas nun adestramento (Foto: RC Celta).

Máis de 20.000 persoas asistiron en directo no Estadio de Balaídos a pasada fin de semana a unha nova derrota do Celta no campionato ligueiro, a sexta.

Non obstante, a do Atlético de Madrid non foi unha máis, pois significou que, tras 10 xornadas disputadas, rachou cun récord negativo na tempada do centenario, asinando o seu segundo peor inicio de todos os tempos.

Con tan só seis puntos, obtidos nunha vitoria e tres empates, só houbo un Celta inferior ao actual, o da campaña 1943/44, no que, aplicando o sistema de puntuación actual -desde 1995 o premio por triunfo son tres puntos, mentres que anteriormente eran dous-, sumaría cinco.

Aquel equipo, dirixido polo vasco Baltasar Albéniz e cun novísimo Pahíño nas súas filas, descendeu a Segunda División após rematar na última posición.

Larsen, o mellor do mes

Dentro do sombrío panorama celeste, o rendemento dun renacido Larsen supuxo o maior raio de sol na escuadra olívica, e así o recoñeceu a afección votando por el como mellor xogador do mes de setembro, premio que lle foi outorgado no día de onte.

Comentarios