Chegar 1.000 números sen ti sería imposíbel!
Facer un xornalismo crítico sen máis ataduras que as que nos unen á promoción e defensa dos intereses galegos precisa da túa colaboración. Subscríbete.
O conservador Partido Social Democrata (PSD) de Portugal negocia co Partido do Centro Democrático Social (CDS) a constitución dunha coalición electoral para os comicios do 10 de marzo de 2024, nunhas conversas que están “ben encamiñadas”, trasladaron hoxe varias fontes das organizacións ao xornal luso Público. A Iniciativa Liberal rexeitou nun primeiro momento unirse á coalición, que permitiría ao CDS volver ao lexislativo, do que saíu en 2022.
Na lei lusa, o aumento das pensións determínase segundo a media do crecemento real do produto interior bruto e a variación anual da inflación a 30 de novembro, mais sen ter en conta a vivenda. Desta maneira, os datos da estimación de inflación publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística implican que en 2024 as e os pensionistas lusos recibirán pola prestación 5% máis no caso das máis altas e 6% das máis baixas.
Coa abstención do Livre e o Pessoas-Animais-Natureza, e o voto en contra do resto da oposición, ficou aprobado hoxe no lexislativo o Orçamento do Estado para 2024, grazas á maioría absoluta do Partido Socialista (PS). Nos vindeiros días farase efectiva a dimisión do primeiro ministro António Costa, presentada tras unha redada anticorrupción da Fiscalía, que investiga Costa, e que dará paso a unhas eleccións anticipadas o 10 de marzo de 2024.
O xornal luso Público desvelou hoxe que a Fiscalía está a investigar o presidente portugués, Marcelo Rebelo de Sousa, por unha presunta mediación para que unhas xemelgas luso-brasileiras foran sometidas a un tratamento nun hospital de Lisboa por unha rara doenza, e cun valor de dous millóns de euros. A familia das crianzas é coñecida da parella do fillo do presidente. Rebelo de Sousa negou ter participado, algo que si fixo a Casa Civil da Presidência.
O Plano de Afetação para Energias Renováveis Offshore avanza os efectos da prohibición de determinadas artes de pesca nos perímetros dfos parques eólicos no mar.
A traxectoria de Mercedes Vázquez Saavedra (Sarria, 1949), etnógrafa e fotógrafa das mulleres da raia e das máscaras e Entroidos, vén de ser recoñecida co Premio Mestra da Memoria, outorgado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Fica garantida a aprobación dos orzamentos do Estado do vindeiro ano.