Fútbol

O 'virus FIFA' ataca o Celta: Aidoo, baixa após romper o tendón de Aquiles

O defensa central mancouse no partido amigábel que este domingo enfrontou Ghana con México e que tivo que abandonar á media hora. Á súa baixa poderíase sumar fronte ao Atlético a de Ristic, que non chegou a debutar con Serbia por mor dunha escordadura no ligamento lateral interno.
Joseph Aidoo, baixando do autobús de Ghana en muletas. (Foto: @GhanaBlackstars)
photo_camera Joseph Aidoo, baixando do autobús de Ghana en muletas. (Foto: @GhanaBlackstars)

O central celeste Joseph Aidoo tivo que abandonar o terreo de xogo antes de chegar á media hora no partido amigábel que a súa selección, a de Ghana, xogou este domingo fronte a México. O que nun primeiro momento semellaba unha escordadura de nocello tras un encontronazo con Hirving Lozano resultou ser unha lesión de maior gravidade: rotura do tendón de Aquiles.

O propio Real Club Celta confirmou os peores presaxios hai escasos minutos a través das redes sociais e desexoulle "moita forza e ánimo" de cara a un proceso de recuperación que non será doado. Esta foi a mesma lesión que sufriu o porteiro Agustín Marchesín o pasado febreiro e que o deixou fóra de combate no que restaba de campaña.

Polo de agora os servizos médicos non precisaron o tempo que estará Aidoo de baixa, se ben podería perderse o que queda de ano. A súa ausencia será suplida, previsibelmente, polo defensor vasco Unai Núñez, que xa fora o elixido por Rafa Benítez para saír de partida canda o sueco Carl Starfelt no último encontro da Liga, ante o Xetafe (2-2), no que foi o regreso ao sistema 4-4-2.

Benítez queda agora con só estes dous centrais do primeiro equipo en nómina, aos que se suma Carlos Domínguez, con ficha do Fortuna pero xogador do Celta absoluto a todos os efectos, e en caso de necesidade Óscar Mingueza, habituado nos últimos dous cursos a correr o lateral dereito pero con sobrada experiencia no centro da zaga.

Á baixa de Aidoo súmase a do lateral esquerdo Mihailo Ristic, quen, a falta de coñecer o parte médico definitivo do Celta, podería perderse tamén o partido deste sábado ante o Atlético de Madrid, logo de sufrir unha escordadura no ligamento lateral interno do xeonllo durante a concentración con Serbia que lle impediu disputar minutos coa súa selección.

En caso de que finalmente non estea dispoñíbel, o seu posto ocuparíano Franco Cervi, que xa realiza traballo co grupo nos adestramentos após superar a lesión que sufriu o 25 de agosto fronte ao Real Madrid, ou Manu Sánchez, quen polo de agora non termina de gañar a confianza de Benítez.

O Celta recibe este sábado (21 horas) en Balaídos un Atlético que marcha cuarto na clasificación con 19 puntos, a catro do líder, o Madrid, e cun partido menos. Os celestes, pola contra, suman unha única vitoria e seis puntos que os sitúan en postos de descenso, dous por baixo da permanencia que marca o Alavés.

Comentarios