Iago Aspas completa a listaxe dos 100 mellores xogadores do Celta

O club recoñece as lendas a un día do centenario
O capitán, Iago Aspas, foi o autor do tanto que lle serviu ao Celta para obter un vital triunfo pola mínima (0-1) en Montilivi a pasada tempada. (Foto: La Liga).
photo_camera Con 195 tantos entre Primeira, Segunda, Copa e Europa League, Aspas é o máximo goleador celeste. (Foto: La Liga).

Fálase moito de historia, de emocións, de anécdotas e de lembranzas... todo co gallo da icónica celebración do agardado centenario do Real Club Celta.Inda é mañá cando se chega á desexada efeméride do 23 de agosto, máis hoxe a listaxe que desenvolveron Berto Villamarín e o seu equipo chega por fin á súa fin tras máis de tres meses.

Vicente Álvarez, Patxi Salinas, Iago Aspas, Manolo Rodríguez, Tucu Hernández, Mostovói, Otero, Dutruel, Velasco, Yayo, Ratkovic, Catanha, Jonny, Alejo Indias, Gudelj, Karpin, Fenoy e Abel son só algúns deses nomes.

En total foron un cento de futbolistas os que conformaron unha compilación de lendas que levou por título 'Os 100 do Centenario' desde que  'O Gran Capitán' a abrise o 15 de maio e que, con excepción do do seu capítulo inaugural coa figura do antedito Manolo, e do seu final hoxe con -non podía ser outro- Iago Aspas, adoptou unha estrita orde alfabética "para evitar polémicas", tal e como confesara o seu responsábel nunha entrevista para Nós Diario

Mais este xornal decidiu ir un pouco máis alá e desde o primeiro día deste mes de agosto deulle a palabra ao conxunto da parroquia celeste para que, a través do dixital de Nós Diario, escollese os aspectos máis salientábeis da historia do Celta, destacando a votación do mellor '11' destes 100 anos, que se revelará nunha dupla páxina especial dedicada á efeméride no xornal de mañá, 23 de agosto.

Acto conmemorativo na Cidade Deportiva de Mos

O Real Club Celta de Vigo enviou unha comunicación na xornada de onte á súa masa social revelando que "coa fin de homenaxear os pasados 100 anos, o presente e as grandes ilusións do futuro" organizou "un gran evento" conmemorativo en Mos mañá ás 11.30 horas.

Alí, afirma, acudirán "algunhas das personalidades máis importantes", así como "o piar fundamental" da entidade, "o celtismo", entre quen sorteará unha serie de prazas indeterminadas após realizar a inscrición nunha páxina web, algo que foi criticado por un sector da afección que reclamou que o acto se desenvolvese en Balaídos para que puidese asistir quen así o desexase sen necesidade de pasar por sorteo algún. 

Media hora máis tarde do evento, ás 12 horas da tarde, terá lugar na propia Cidade Deportiva Afouteza a colocación da primeira pedra do proxecto Galicia Sports 360, a nova "factoría do deporte galego", en palabras do presidente Carlos Mouriño, que aspira a converse "nun referente non só na Galiza ou no noroeste peninsular, senón no ámbito estatal e internacional no eido da tecnoloxía do deporte".

Fontán, ao Cartaxena  

A falta de confirmarse a resolución final nun sentido ou noutro do culebrón da saída ou non rumbo ao Nápoles italiano de Gabri Veiga, algo para o que haberá que agardar uns días máis, pois opacaría os fastos do centenario, o Celta si confirmou onte a marcha doutro futbolista galego, José Fontán. 

O central de Vilagarcía, que a pasada campaña militara en calidade de cedido no Go Ahead Eagles holandés, non logrou convencer Rafa Benítez e fai as maletas rumbo ao Cartaxena de Segunda División, onde xogará a préstamo durante un ano e xa é seguro que non estará no choque da próxima sexta feira, 25 de agosto, contra o Real Madrid, ante o que o Celta buscará o seu primeiro triunfo ligueiro logo de empatar esta fin de semana contra a Real Sociedade. 

Comentarios