A canteira evita a 'desgaleguización' do Celta

Na última década abandonaron a disciplina do Celta futbolistas galegos tan importantes como Borja Oubiña, Sergio Álvarez, Rubén Blanco, Jonny Otto, Denís Suárez, Brais Méndez ou Hugo Mallo, deixando un espazo que a xeración que lidera Gabri Veiga aínda non logrou encher por completo.
Iago Aspas lidera os futbolistas galegos no conxunto celeste desde o seu regreso a Vigo no ano 2015 (Foto: RC Celta).
photo_camera Iago Aspas lidera os futbolistas galegos no conxunto celeste desde o seu regreso a Vigo no ano 2015. (Foto: RC Celta).

O Real Club Celta de Vigo disputou este domingo o seu primeiro partido da tempada futbolística 2023/24, e sobre o céspede de Balaídos o público presente no coliseo celeste puido distinguir a cinco futbolistas do país. 

Trátase de Iván Villar, Miguel Rodríguez, Hugo Sotelo e Gabri Veiga, novos valores xurdidos da canteira que, xunto co 'sobrevivinte' Iago Aspas veñen ocupar o espazo deixado por outros xogadores galegos que nas últimas tempadas foron perdendo o seu posto no primeiro equipo por distintas razóns

Un deles foi o capitán, Hugo Mallo, que puxo fin a toda unha vida como celeste na que defendeu a camiseta en 396 partidos ligueiros distribuídos en 14 tempadas; outro, un Denís Suárez enfrontado co presidente Mouriño que, despois da cesión durante a pasada segunda volta ao Espanyol, rematou contrato e fichou polo Vilarreal; tamén Rubén Blanco, outro histórico que, como o de Salceda de Caselas, xa estivo a préstamo fóra da disciplina olívica a tempada pasada e agora di adeus definitivamente despois de que os galos do Olympique de Marsella investisen na súa contratación dous millóns de euros.

Ben diferente é o caso de Santi Mina. Condenado a catro anos de prisión por abusos sexuais, logo da súa cesión ao Al-Shabab saudita foi despedido após confirmar o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía o antedito castigo.

Antes que eles deixaron o club   -por idade, rédito económico...- ao longo dos últimos 10 outros futbolistas da Galiza moi habituais nos esquemas dos distintos adestradores que se foron sucedendo polo banco do Celta, casos de Brais Méndez, Sergio Álvarez, Jonny Otto, Álex López ou Borja Oubiña.

Sen eles, cun Iago Aspas de 36 anos que remata contrato o 30 de xuño de 2025 e un Gabri Veiga convertido polo seu potencial de crecemento en obxecto de desexo dos clubs máis grandes de Europa, semella que ese peso do produto nacional nos onces celestes continuará perdendo relevancia nas vindeiras campañas salvo que nomes como Miguel rodríguez, Hugo Sotelo ou Carlos Domínguez dean un paso adiante, como fixo Gabri Veiga na última tempada, e logren facerse un oco ante a avalancha de futbolistas foráneos.

Porque, sen canteira, o lema de "afouteza, corazón, orgullo e tradición" que reivindica o celta no seu Centenario, perde boa parte do seu signifciado.

Máis en DEPORTES
Comentarios