Centenario do Celta

Hermidita, Rodríguez, Pichi Lucas, Catanha, Aspas... Quen é o mellor atacante?

As lectoras e lectores de 'Nós Diario' elixen na enquisa de hoxe o primeiro atacante do noso 'XI dos cen anos' do Real Club Celta, partindo dunha pequena escolma que protagonizan Manuel Hermidita, Mauro Rodríguez, Pichi Lucas, Catanha e Iago Aspas.

Pequena escolma de atacantes do Celta.
photo_camera Pequena escolma de atacantes do Celta.

Finalizamos a conformación do noso 'XI dos cen anos' do Real Club Celta grazas ás lectoras e lectores de Nós Diario. Hoxe é a quenda do terceiro e último atacante. Toca terminar a dianteira con esta pequena escolma.

Comezamos con Hermidita, natural de Gondomar e un dos xogadores máis destacados da década dos 40. Con 19 anos, debutou no Real Club Celta, onde xogou durante 12 anos, disputando un total de 170 partidos nos que marcou un total de 113 goles, feito que o converte até non hai moito no máximo goleador do Celta en toda a súa historia.

Seguimos cun vigués, Mauro Rodríguez. Comezou xogando en equipos pequenos da cidade olívica pero enseguida se fixou nel o Celta de Vigo. Chegaría a vivir momentos importantes e a marcar goles fundamentais da historia celeste, como o gol marcado ao Valencia Club de Fútbol na penúltima xornada da temporada 1954-1955, ou a polémica sobre o gañador do Trofeo Pichichi entre el e Alfredo Di Stéfano, sendo oficialmente gañador non sen moita controversia.

Quenda do xogador berciano Pichi Lucas. Sendo xuvenil xogaba en Ribadavia, e o Real Club Celta fichouno para as categorías inferiores. Despois dunha estancia no Córdoba CF e no daquela filial vigués, o Gran Peña, debutou co primeiro equipo celeste na tempada 1980/81. A pesar de destacar principalmente nos anos en que o equipo estaba en segunda división, Pichi Lucas consolidouse como un dos xogadores ofensivos máis destacados da historia celeste.

Proseguimos con Catanha, xogador brasileiro que xogou en decenas de equipos mais que deixou unha pegada especial en Vigo. Chegou ao Celta no ano 2000 por un prezo de 2.300 millóns de pesetas, converténdose na fichaxe máis cara da historia do club naquela altura. Como celtista xogou un total de 135 partidos deixando 44 goles anotados.

Acabamos co que, para moitos, é o mellor xogador da historia do Celta, Iago Aspas. De Moaña, Aspas foi un celtista desde o nacemento comezando a súa camiñada na canteira do equipo para, en 2009, debutar oficialmente no primeiro conxunto. Actualmente é o máximo goleador da historia do equipo de forma estritamente oficial, se ben non se sabe con exactitude cantos goles meteu na súa carreira como celeste Ramón Polo.

Comentarios